Actualidad Política, Actualidad Social, Portada — 6 abril, 2018 a las 18:45

O Colexio de Psicoloxía demanda a necesidade de incorporar esta especialidade na saúde pública

Por

Para o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia a introdución da psicoloxía en atención primaria é unha das máis antigas reivindicacións e unha das necesidades máis urxentes para a asistencia en saúde mental na nosa Comunidade

Este martes a decana do COPG, María Rosa Álvarez Prada, mantivo un encontro co Director de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, a quen lle trasladou as principais dificultades da atención psicolóxica na rede pública

Foto de mx.blastingnews.com

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia propuxo esta semana a posible incorporación de psicólogos e psicólogas nos centros de saúde galegos nunha xuntanza que mantivo coa Consellería de Sanidade. Así llo trasladaron a decana do Colexio, Mª Rosa Álvarez Prada, e o presidente da Sección de Psicoloxía e Saúde do COPG, José Eduardo Rodríguez Otero, no encontro deste martes 3 de abril co director de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal.

Galicia non pode ser a última Comunidade autónoma en incorporar a psicoloxía clínica nos servizos de Atención Primaria. En Aragón, Asturias, Cataluña, Illas Baleares, Madrid e Valencia está aprobado ou xa comezaron a funcionar. A Organización Mundial da Saúde estima que en 2020, a depresión e a ansiedade serán a primeira causa de incapacidade laboral, unhas baixas que adoitan ter unha longa duración, unha cuestión que só se aborda a través da farmacoloxía. Unha de cada cinco persoas consume ansiolíticos, hipnosedantes ou antidepresivos no noso país: estamos á cabeza de Europa en consumo de psicofármacos e á cola en psicoloxía clínica na rede pública.

Está demostrada a eficiencia da psicoloxía en atención primaria, na que estudos probaron que se produce un aforro de 4 dólares por cada un investido, e para mellora a saúde das persoas. De feito, reduce as derivacións ás Unidades de Saúde Mental ao atallar as problemáticas en situacións máis temperás.

Desde o COPG enténdese que é tempo de que a psicoloxía en concreto e a saúde mental en xeral deixen de ser as irmás pobres do sistema público de saúde e que se garantan os dereitos recollidos nas distintas lexislacións, tanto autonómicas como estatal, así como as recomendacións da Organización Mundial da Saúde.

Tamén se lles trasladou a urxencia en incrementar as contratacións de facultativos especialistas en psicoloxía clínica, xa que actualmente traballan 94 psicólogos/as clínicos/as no Sergas, o que ten como consecuencia, entre outras, que existan dispositivos sen psicólogos/as clínicos/as, como o Hospital de Día de Santiago de Compostela, ou nos que non se cobre a dotación mínima precisa (Unidades de Saúde Mental con PC a tempo parcial).

Na EOXI da Coruña non se chega a 3 especialistas en psicoloxía clínica por cada 100.000 habitantes, e na de Pontevedra-O Salnés, a ratio é aínda máis baixa: 2,6/100.000 habitantes. Na última década convocáronse 3 prazas na Oferta Pública de Emprego do Sergas e ningún psicólogo/a interno residente formado en Galicia nas últimas 8 xeracións traballa na nosa comunidade.

Así mesmo, reiterouse a importancia de reforzar a autonomía profesional, por unha banda, coa creación de servizos propios de psicoloxía clínica, así como coa retirada a limitación de acceso ao/á especialista en psicoloxía clínica desde atención primaria, como está a pasar en Ourense e na Coruña, o que dificulta o acceso ao tratamento psicoterapéutico, recollido na carteira de servizos do Sistema Nacional de Saúde e demandado pola cidadanía. Ademais, como as derivacións se producen no mesmo servizo, non constan as listas de espera polo que se está a ocultar un problema que vimos detectando e que chegan a superar os seis meses nalgúns casos.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*