Actualidad, Actualidad Social, Cultura, Portada, Teatro — 27 septiembre, 2018 a las 23:01

O actor Xan Cejudo faleceu. Vaise outro dos intérpretes fundamentais da escena galega

Por

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) quere transmitir o seu pesar polo falecemento de Xan Cejudo. Actor, director e autor escénico, Cejudo (A Coruña, 1947) iniciou a súa traxectoria no teatro nos sesenta, década na que comezou a subir as táboas co grupo O Facho. A Xunta Directiva da AAAG quere destacar que o seu traballo e o seu compromiso fixeron del un referente para as diferentes xeracións que seguiron os seus pasos. Grazas a persoas como Xan Cejudo, abriuse o camiño polo cal a profesión da escena naceu, medrou e se consolidou no noso país. A AAAG lembra que Cejudo é un nome fundamental no desenvolvemento profesional en Galicia e que o mundo da escena lle debe moito. A súa traxectoria abrangue gran parte dos oficios teatrais, xa que exerceu de autor, de director, de axudante de dirección e de actor nun gran número de proxectos, deixando sempre unha forte pegada entre os compañeiros e compañeiras de oficio, mais tamén no público.

Xan Cejudo. Premios María Casares

En 1984, tras traballar con diferentes compañías e ao regresar a Galicia despois da súa estadía en Madrid, forma parte do elenco de Woyzec, obra fundacional do Centro Dramático Galego. A súa traxectoria na institución pública de teatro estendeuse ao longo das seguintes décadas, participando nas súas producións máis destacdadas dos anos oitenta e noventa. Así, Cejudo actuou nas obras A noite vai coma un río (1986), O mozo que chegou de lonxe (1988), O incerto señor Don Hamlet (1991), A fiestra baldeira (1994), O Mariscal (1994), Xelmírez ou a gloria de Compostela (1999) ou Se o vello Simbad volvese ás illas. Xa co cambio de século, Cejudo continuou a colaborar co Centro Dramático, traballando nas montaxes Rosalía (2001), Seis personaxes á procura de autor (2005), Illa Reunión (2006) ou Noite de Reis (2008).

Como director, Cejudo exerceu no CDG en obras como A Pousadeira e A Burla do Galo. En 1987, ademais, dirixiu a coprodución entre o CDG e a compañía O Moucho Clerc DaVinci levaba razón. Encargouse da dirección en máis dunha vintena de pezas, entre as que destacan obras como Códice Clandestino -pola que recibiu o Premio Compostela ao Mellor Director, Na fraga do Conde ou Galimatías para a compañía O Moucho Cler.

Participou como intérprete en espectáculos de Teatro Circo, Teatro Tranco, Malbarate Teatro ou Matarile, compañía coa que traballou en montaxes como Truenos y Misterios (2007), ou Cerrado por aburrimiento (2010). En 2005 encarnou o papel protagonista na obra Tío Vania (Factoría Teatro) baixo a dirección de Cristina Domínguez. Por este rol, Cejudo gañou o Premio de Teatro María Casares ao mellor actor en 2006. Dous anos despois, repite o galardón na categoría de actor secundario polo seu traballo en Noite de Reis, ou o que queirades, do CDG baixo a dirección de Quico Cadaval. No ano 2011, recibe o Premio de Honra Marisa Soto da Asociación de Actores e Actricides de Galicia (AAAG).

No medio audiovisual, traballou como intérprete en series da TVG como Pratos combinados, Mareas Vivas ou Rías Baixas. Ademais, contou con personaxes episódicos en series estatais como El Comisario, Periodistas, Policías ou Cuéntame. Participou en longas e curtas como Morrer no mar de Alfredo Rabuñal, Coxo de X. Zapata, El río ten mans de Beatriz del Monte, ou Matachín de Jorge Coira. Un dos seus últimos papeis foi na produción cinematográfica de Quien a hierro mata, rodada este mesmo ano.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.