Actualidad, Actualidad Social — 14 noviembre, 2017 a las 20:04

Novembro en contra das violencias

Por

A veciñanza pode recoller o material da campaña “Contra as violencias” a partir do 16 de novembro

O Concello de Santiago fixo neste ano un chamamento á veciñanza para que participe de forma activa na campaña En negro contra as violencias machistas. Trátase de que os veciños e veciñas se convertan en altofalantes da iniciativa colocando bandeirolas, roupa ou calquera elemento de cor negra das súas fiestras ou balcóns.

O Concello habilita catro centros na cidade para que a cidadanía de Compostela poida recoller o material da campaña e poñelo nas súas vivendas. A recollida poderá facerse a partir deste xoves, 16 de novembro, en horario de 11:00 a 15:00 e de 17:00 a 21:00 nos centros socioculturais das Fontiñas e do Ensanche, no Matadoiro e na Casa das Mulleres Xohana Torres.

Preto de 80 concellos

A campaña traspasou os límites municipais na edición do ano pasado. Se no 2016 foron 17 os Concellos adheridos a Compostela en negro, nesta terceira edición a cifra ascende a preto de 80. Tamén se quixeron sumar as deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra.

Mañá mércores, a partir das 11:00 horas, terá lugar en Santiago a sinatura do protocolo de colaboración para a campaña, acto no que participarán practicamente todos os concellos asinantes.

Ademais, a campaña foi presentada a semana pasada ante o Parlamento Europeo, cara a onde viaxou unha delegación formada por medio cento de persoas de diferentes concellos galegos.

Do 23 ao 26 de novembro

Do 23 ao 26 de novembro é o período no que os establecementos, entidades sociais e vivendas compostelás se tinguirán de negro. En Compostela son arredor de 500 os establecementos que participaron o ano pasado na campaña, mapa do que se parte este ano para sumar máis comercios, hoteis ou axentes sociais.

Cómpre tamén destacar a implicación dos institutos da cidade, que este ano poñerán unha pancarta que se lles fará chegar dende o Concello. A maiores, facilitaráselle unha unidade didáctica para que poidan usar os colexios no marco do 25 de novembro. O día 21 haberá ademais dúas charlas sobre igualdade en dous institutos de Compostela a cargo do Comando Igualdade, un grupo de rapaces e rapazas feministas.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*