Cultura, Música, Portada — 17 julio, 2017 a las 17:40

Novas probas na Escola de Altos Estudos Musicais

Por

A Escola de Altos Estudos Musicais realizará novas probas en setembro para cubrir catro prazas de violín, unha de trompeta e outra de óboe do curso de especialización orquestral

Estas prazas quedaron vacantes nas probas celebradas en xuño

Os estudantes admitidos neste curso de posgrao farán prácticas coa Real Filharmonía de Galicia

O Curso Avanzado de Especialización Orquestral impártese na Escola de Altos Estudos Musicais de Compostela e está recoñecido como título propio de posgrao pola Universidade de Santiago de Compostela. Diríxese a músicos instrumentistas con titulación superior que teñan como meta adquirir a formación e a experiencia necesarias para integrarse nunha orquestra profesional.

No mes de xuño realizáronse as probas de selección para acceder a algunha das 18 prazas ofertadas para o novo curso 2017-2018 nas diferentes especialidades: 6 para violín, 2 para viola, 2 para violoncello e 1 para contrabaixo, óboe, frauta, clarinete, fagot, trompa, trompeta e percusión. Quedaron vacantes catro prazas de violín, unha de trompeta e unha de óboe. Así, no mes de setembro realizaranse unhas probas extraordinarias co propósito de cubrir estas vacantes. Terán lugar o día 21 na sede da Escola e consistirán nunha audición na que os candidatos terán que amosar as súas habilidades técnico-interpretativas diante dun xurado.

As solicitudes para inscribirse nas probas deberán presentarse ata o 13 de setembro a través da páxina web da Escola -www.eaem.es-. Xunto coa documentación, os aspirantes deberán xuntar un vídeo no que se mostre a interpretación das obras requiridas.

Este curso de posgrao ofrece aos futuros músicos a oportunidade de formarse coa Real Filharmonía de Galicia, xa que os mestres da Escola son integrantes da RFG. E cada alumno participa nun mínimo de sete concertos coa orquestra. Ademais, tocan en concertos públicos dentro da programación “A Escola na cidade”.

Tal como salientan dende a Escola, o éxito de curso, que xa vai pola súa sexta edición, reflíctese no feito de que boa parte dos alumnos de anteriores edicións xa lograron o seu obxectivo de integrase nunha orquestra profesional, tanto en agrupacións nacionais como doutros países.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*