Marica Campo: “ A inspiración é tan só un misto”

Marica Campo (fonte: Baia Edicións)

A busca das musas é o que sempre se debate cando se fala do proceso de creación literaria. Existen ou non esas inspiradoras do movemento da pluma?  Marica Campo, poetisa, narradora, tradutora e letrista galega, estivo hoxe na libraría Couceiro de Santiago de Compostela para tentar resolver estas dúbidas nunha charla coloquio de entrada libre, aínda que ía dirixida aos alumnos do curso de creación literaria posto en marcha dende a Asociación Cultural de O Galo

Nas mentes desas persoas con inquedanzas na escrita debe haber vida e lectura, eses son os dous puntos que Marica fundamentou como o inicio de todo escritor, e da súa propia traxectoria.  A galega falou de que a inspiración é un misto, pero para prender a fogueira hai que achegar moita leña”. Esta declaración serviulle para fundamentar o discurso que deu durante preto de dúas horas onde tamén se lle deu voz ao público que alí estabamos.

Nese inicio da escritura, Marica acudiu sempre á súa infancia e aos olores e sabores que esta lle transmite, e leu diante de todos varios fragmentos de obras súas onde explicou o porqué da xestación e a mestura entre o real e o fantástico, pero sempre tendo en conta que a voz do escritor é a das súas vivencias. En concreto, a lucense rememora en varios dos seus escritos e poemas o sabor das mazás reinetas, ao igual cá madalena de Proust, como ela mesma di, para explicar que o poder de evocación dos olores é tremendo. Todo bo escritor sabe beber de moitas fontes, e o pouso da experiencia queda aí actuando como inspirador. Ademais falou de moitos conceptos de innovación literaria, e de que a orixinalidade non debe ser todo á hora de escribir, senón que hai todo un proceso detrás.

Rememorou tamén ese amor que dende moi nova tivo pola literatura, que disque xa antes de aprender a ler xa devecía por ser ela a que narrase os contos en vez de que llos contasen. Foi unha lectora voraz, alimentada esta paixón debido á gran biblioteca que había na súa casa, aínda que tamén tivo que lidar coa oposición dunha súa tía monxa que non lle deixaba ler nada máis que vidas de santos.  Por certo que estas vidas resultaron do máis interesantes no proceso creativo da autora, aínda que o seu libro favorito deses anos primeiros foi Mujercitas de Louisa May Alcott. Marica contou toda unha serie de vivencias persoais que foron elementos de inicio de moitos escritos, e conseguiu unha charla amena e próxima aos lectores.

Aínda que tentou seguir ao comezo uns papeis que traía para non perder o fío,  unha vez comezada a charla foi ao correr da mente, resaltando toda unha serie de pautas da súa traxectoria e con moitos exemplos do que fixo na escritura, destacando que nunca se negou a ningún xénero e que a súa base foi con retos que lle poñían ou se poñía a si mesma. E recoñece que lle gusta máis ler ca escribir coma se dunha utopía se tratase.

Agora, aos seus sesenta e seis anos, Marica di que non sente esa chama da inspiración que en moitos momentos alimentara a súa escrita (o poemario Pedinche luz prestada escribiuno en tan só catro días). A situación de crise pola que estamos pasando fai que perda as súas musas. Con todo, non desanimou aos que senten a maxia das palabras e recomendou aos asistentes a que gozasen escribindo, que fixeramos “o que nos petase”. Todo isto deixando claro que o que escribe debe estar “en permanente celo, entusiamo.  A escrita debe servirnos como axuda para nós mesmos ou para os demais que buscan unhas palabras que axuden a entender o complexo do mundo. E todo aquel que escriba debe facelo coa convicción de que é un xenio, declarou entre risos.

E como ela mesma dixo, “claro que a escrita ten algo de maxia”. Sempre vén ben un pouco de positivismo na negrura destes tempos.

Sobre Tensy Gesteira 23 artículos
Periodista

Sé el primero en comentar

Dejar una contestacion

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.


*


Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.