Mar Maior, o novo selo de Editorial Galaxia, arrinca oficialmente en outubro

O xoves 18 de setembro, o Instituto Cervantes de Bruxelas acolleu a presentación de Mar Maior, un novo proxecto de Editorial Galaxia que quere levar a cultura galega, a súa literatura, alén das nosas fronteiras. Ó evento, acudiron personalidades do mundo das letras como os escritores Xavier Alcalá e Xavier Queipo, a directora do Instituto Cervantes, María González Encinar, o director de Editorial Galaxia, Víctor F. Freixanes, e dous representantes de librerías do mundo hispánico (Punto y Coma) e lusófono (Orfeo), activas na capital europea.

O novo selo da consagrada e histórica Editorial Galaxia, dará os seus primeiros pasos cunha selección de obras de autores relacionados con Galicia e coa nosa cultura en Arxentina e o Brasil, xa que estes foron os lugares escollidos para as primeiras actuacións de Mar Maior en América.

Pimeiros Títulos

Serán nove os títulos que formen parte do lanzamento de Mar Maior, que se presentará, de xeito simultáneo, na Casa do lector en Madrid e en Bos Aires no mes de outubro.

A oferta estrela é a colección Biblioteca de Autor de Álvaro Cunqueiro, que publicará algúns dos seus títulos en castelán: El año del cometa, Flores del año mil y pico de ave, Vida y fugas de Fanto Fantini della Gherardesca e Tertulia de boticas prodigiosas.

A narrativa galega contemporánea tamén terá representación coas novelas Circe o el placer azul, de Begoña Caamaño, Futuro imperfecto, de Xulia Alonso, e Laura en el desierto, de Antón Riveiro Coello, historias de actualidade e  cun marcado carácter universal.

Unha nova versión da Historia de Galicia de Ramón Villares, pensada para lectores non galegos, e o primeiro volume dos Cuentos para las Américas de Emilia Pardo Bazán, en edición do profesor González Herrán, completan a oferta de textos clásicos.

                                  Emilia Pardo Bazán

 

 

 

 

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.