Actualidad Social, Portada — 17 noviembre, 2017 a las 16:43

Manoliño Nguema, a aventura dunha ONG galega que une África con Galicia

Por

Dúas ONGD e unha produtora piden axuda a través dun crowfunding para rematar en Galicia a rodaxe dun documental que comezou en xullo en Guinea Ecuatorial

O proxecto culminará cunha obra de teatro realizada polo protagonista, Marcelo Ndong, e dous dos seus alumnos no Teatro Principal de Compostela o próximo 15 de decembro

No medio dun barrio de Malabo, a capital de Guinea Ecuatorial, tres negros cantan Catro vellos mariñeiros. O ritmo desta canción tradicional galega fúndese cunha percusión africana de raíces fang (unha das cinco etnias do país) e, con esta estampa inesperada, o trailer de presentación de Manoliño Nguema achéganos ao singular universo dun proxecto que comezou sendo un documental e que pouco a pouco se foi transformando nunha iniciativa moito máis ampla que aglutina teatro, música e formación nun alegato en favor da migración, unha mirada positiva ante o poder integrador e sanador da cultura. Abandeiran o proxecto a ONGD Waka Films e a produtora Fílmika Galaica, coa colaboración da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso).

“Guinea é o único país africano que fala español, come paella e escoita Camela” conta o director do documental, Antonio Grunfeld, despois de vivir no país africano durante case cinco anos. “Parecíanos incríble o rápido que España esqueceu a Guinea, malia que o país se independizou hai menos de 50 anos. Investigamos e vimos que ese esquecemento non foi casual: a Lei de Materia Reservada franquista censurou durante case dez anos toda a información que chegaba sobre Guinea. Por iso, cando coñecemos a fascinante historia de Marcelo Ndong, que dalgún xeito rescata estes lazos, non quixemos deixala escapar”.

Marcelo Ndong, alias Manoliño Nguema, é un galego-guineano (como el mesmo se define) nado cando Guinea Ecuatorial aínda formaba parte de España e formado grazas a unha bolsa de estudos no coñecido Circo dos Muchachos de Bemposta (Ourense), a primeira escola de circo de Europa, que nas décadas dos 70 e 80 se converteu no proxecto cultural máis internacional de España. Despois de dar a volta ao mundo co Circo dos Muchachos varias veces, Marcelo Ndong decidiu volver á súa terra natal a principios dos 90, para apoiar a reconstrución dun país que quedara devastado trala descolonización de España no 68 e a posterior ditadura de Macías. “Facía falta de todo, eu pensaba que o principal era a comida, así que montamos unha cooperativa agrícola”, conta o propio Marcelo. Pero a cabra tira ao monte, e en pouco tempo Marcelo xa cortara a yuca que medraba no cine abandonado dunha pequena cidade ecuatoguineana, Ebebiyin, para dar vida a un rudimentario teatro. Logo diso, trasladouse a Malabo e alí creou a primeira escola de circo do país, formou a centos de mozos, conseguiu bolsas para outros tantos e converteuse no indiscutible pai do teatro de Guinea Ecuatorial.

De Guinea…

Este sexaxenario artista africano rexenta agora unha pequena gardería en Malabo, onde recibe a inesperada visita dos cinco membros da ONGD coruñesa Waka Films -especializada en proxectos de comunicación para o desenvolvemento- que o pasado mes de xullo se desprazaron ata Guinea Ecuatorial para perseguir a historia de Marcelo Ndong. Catro anos despois de que a primeira idea vise a luz e logo de moitas idas e voltas, por fin estaban listos para comezar a gravación, aproveitando unha circunstancia única. Quico Cadaval pedíralle a Marcelo que, como en tantas outras ocasións, montara unha obra de teatro. Pero, desta vez, que o argumento fora a súa propia vida. Co apoio de dous dos seus mellores alumnos, Marcelo creará en Malabo unha obra de teatro que será representada en Santiago de Compostela. Unha viaxe persoal e creativa que os conducirá desde a Guinea postcolonial e a España franquista ata a actualidade de ambos os dous países, para ir pouco a pouco descubrindo a través do seu incríble periplo vital como mimo, músico, actor, circense, pero sobretodo migrante, os vivos e ata agora pouco coñecidos lazos culturais que unen Guinea Ecuatorial e España.
… a Galicia

O equipo de Manoliño Nguema, de volta en Galicia despois de gravar a primeira parte do documental en Guinea Ecuatorial, busca agora financiamento colectivo para poder concluír o proxecto cun crowdfunding a través da plataforma Verkami. As rúas de Santiago de Compostela, a Cidade dos Muchachos de Bemposta, en Oruense, ou a Ribeira Sacra serán algúns dos escenarios escollidos para a rodaxe en Galicia, que terá lugar durante as dúas primeiras semanas de decembro e que culminará coa representación dunha obra de teatro realizada por Marcelo Ndong con dous dos seus alumnos -Gorsy Edú e Raimundo Bernabé (Russo)- no Teatro Principal de Santiago de Compostela o próximo 15 de decembro.

Coa axuda do financiamento colectivo

“Foi toda unha batalla poder realizar este proxecto, tanto pola falta de financiamento como polas condicións de rodaxe en Malabo -a guionista volveu con malaria-, pero agora que xa fixemos o máis difícil quédanos traer os protagonistas a Galicia para rematar a rodaxe e editar o filme” comenta o director, Antonio Grunfeld. “Non queremos deixar que o silencio imposto na época franquista continúe, queremos que Manoliño Nguema achegue á sociedade española a este incríble país ao que nos unen tantas cousas”, conclúe.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*