Actualidad, Actualidad Social, Portada — 5 octubre, 2017 a las 5:06

Julia Ammerman Yebra gañadora do Premio Rosario Valpuesta

Por

A doutoranda Julia Ammerman Yebra acaba de gañar o Premio de Investigación Rosario Valpuesta en Ciencias Sociais e Xurídicas na súa terceira edición. O xurado decidiu por unanimidade outorgarlle o galardón polo seu traballo ‘As nais soas ante os tribunais, a administración e as leis. ¿Perpetúa a discriminación?’.

Julia Ammerman Yebra graduouse en Dereito pola USC en 2014 e realizou despois o Máster en Avogacía na Escola de Práctica Xurídica. Actualmente traballa como investigadora predoutoral na área de Dereito Civil da USC, onde prepara a súa tese baixo a dirección das profesoras María Paz García Rubio e Marta Otero Crespo.

Tras a análise de diversos casos acontecidos no último ano e desde unha perspectiva xurídico-feminista, Julia Ammerman denuncia no seu traballo o desamparo no que quedan moitas nais soas “tras ser desoídas nas súas xustas reivindicacións” sobre cuestións que atinxen a maternidade. Así, entre outros temas, cuestiona a doutrina do Tribunal Constitucional e do Tribunal Supremo que non concede efectos retroactivos á petición de alimentos realizada pola nai a favor dos seus fillos menores cando os tiña estado satisfacendo en solitario. “Existen razóns xurídicas suficientes para admitir, como se fai noutros ordenamentos, esta retroactividade”, afirma.

Por outra banda, Ammerman lamenta certa liña xurisprudencial que ante a negativa do pai a realizarse a proba biolóxica non declara a paternidade reclamada. Ademais, a doutoranda critica a postura da administración que interpreta algunhas normas de carácter sectorial destinadas a apoiar as familias de maneira discriminatoria para o modelo de familia monoparental por decisión voluntaria.

Finalmente, a autora pregúntase se a composición “aplastantemente masculina” dos órganos xudiciais superiores non inflúe “na escasa sensibilidade destes órganos ante os dereitos das mulleres que se enfrontan soas ao reto da maternidade”. 

O premio, dotado con 5.000 euros, busca promocionar o estudo e análise de calquera aspecto relacionado coas diversas áreas de traballo e investigación que a profesora Rosario Valpuesta (Sevilla, 1953 – Ibídem, 2013) desenvolveu ao longo da súa vida académica e na súa proxección pública. Así, os traballos deben versar sobre o dereito civil; a feminización do dereito privado; os Dereitos Humanos, especialmente a súa consideración e desenvolvemento a través da teoría critica; ou en xeneral estudos xurídicos e sociais nos que predomine a perspectiva da igualdade de Xénero.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*