Actualidad Social, Portada — 22 marzo, 2018 a las 21:36

III Foro de educación emocional e social en Santiago de Compostela

Por

A Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC (AlumniUSC) xunto co Instituto de Ciencias da Educación da USC (ICE) promove o terceiro foro de educación emocional e social, dirixido tanto a asociados/as como ao público xeral interesado. O encontro celebrarase na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC o 7 de abril a cargo de profesionais do ámbito da intelixencia emocional, do coaching e o mentoring, PNL, persoas expertas en comunicación, xestión de equipos e desenvolvemento persoal e profesional.

Están programados un total de seis relatores/as, entre os que destacan Rafael Bisquerra, doutor en Ciencias da Educación e director do pograo en Intelixencia Emocional nas Organizacións da Universidade de Barcelona, ou Leticia Garcés, pedagoga e educadora especializada en Educación Emocional e fundadora da plataforma Pais Formados. Tamén participarán Manuel Mariño, experto en Mindfulness; Estefanía Zardoya, licencia en Medicina e Cirurxía e coach individual e de equipos; Mar Castro, doutora en Comunicación; e Mónica González, psicóloga e coordinadora da Unidade de Dificultades no Desenvolvemento e na Aprendizaxe (UDDA) da USC.

Os obxectivos xerais da xornada radican no coñecemento e xestión das emocións, no desenvolvemento de estratexias de regulación emocional, automotivación e liderado, tanto no eido persoal como no profesional, así como na mellora de habilidades comunicativas e de escoita que incidan no desenvolvemento da empatía. Cada un dos obradoiros permitirá adquirir unhas habilidades concretas e desenvolveranse en seis sesións dinámicas para que cada persoa participante poida escoller aquelas tres temáticas que mellor se adapten ás súas necesidades ata completar un total de seis horas de formación.

Cada un dos obradoiros acollerá un máximo de 40 persoas, entre profesionais dos ámbitos da docencia, a educación, a psicoloxía ou o traballo social; titulados recentes, alumnado de posgrao ou de últimos cursos de grao; así como calquera persoa interesada nesta temática. O aforo limitado permitirá acadar unha metodoloxía dinámica e participativa, cun enfoque grupal, cooperativo e reflexivo. Utilizaranse exposicións teóricas e explicacións, simulacións, dinámicas e dramatizacións, así como discusións e debates, co obxecto de tomar conciencia e reflexionar sobre as influenzas socioculturais e a contorna máis inmediata. As persoas interesadas poden atopar máis información na web www.enmenteusc.com ou solicitala directamente ao correo enmenteusc@gmail.com

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.