III Festival de Cinema Infantil de Ames

Curtametraxes internacionais, música e obradoiros

A inauguración do Festival terá lugar hoxe a partir das 18.00 horas, na Casa da cultura de Bertamiráns coa actuación de Cé Orquestra Pantasma.

Do venres 13 ao domingo 15 de decembro proxectaránse máis de 50 curtametraxes, moitas delas galegas e españolas, máis tamén pezas chegadas dende outros países, como Arxentina, Suíza ou Xapón

 

Hoxe venres, día 13, comeza no Concello de Ames a terceira edición do Festival Internacional de Cine Infantil de Ames, o único certame de cine dirixido a público infantil e familiar celebrado en Galicia e un dos poucos destas características a nivel nacional. Entre o 13 e o 15 de decembro, alternando os auditorios de Bertamiráns e do Milladoiro proxectaranse máis de 50 curtametraxes, moitas delas galegas e españolas, máis tamén pezas chegadas dende outros países, como Arxentina, Suíza ou Xapón.

Seguindo as pautas das pasadas edicións, as curtas a concurso estarán divididas en dous bloques por idades: Axóuxeres, para nenos e nenas a partir de dous anos, e Buxainas, para aqueles que xa teñan os sete anos. Ademais, a programación complétase con actividades pensadas para estimular o gusto polo cinema nos nenos e nenas de Galicia con sesións específicas para escolares, un obradoiro de stop motion, sesións musicais e proxeccións complementarias fóra de concurso.

Sesións escolares
Xa o mércores 11 o Festival aqueceu motores con catro sesións matinais para público escolar, dúas dirixidas a cativos e cativas de Infantil 5 anos, e outras dúas para a rapazada de primaria.
En total, 433 escolares gozaron dunha selección de curtametraxes multicultural especialmente pensada para fomentar neles valores de inclusividade e empatía. Pola tarde, a mesa redonda A importancia do audiovisual e as TIC como ferramentas educativas, reuniu a catro expertos de diferentes ámbitos, que aportaron a súa experiencia como docentes, xestores e programadores na utilización da narrativa audiovisual como instrumento de traballo nas aulas. Falouse da necesidade de motivar e incentivar a creatividade na adolescencia e incrementar a capacidade do alumnado para producir e ler imaxes, nun tempo no que a tecnoloxía permite que todos sexamos fotógrafos imperfectos.

Inauguración do Festival
O Festival dará comezo cunha sesión inaugural hoxe venres, 13 de decembro, a partir das 18.00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns. O acto de apertura estará presentado pola actriz Rocío Salgado e contará coa actuación da orquestra infantil Cé orquestra pantasma, ademais dunha exposición de OQO, cos carismáticos personaxes dos seus contos. Tamén durante a sesión inaugural, o público asistente poderá gozar dun primeiro bloque de curtas a concurso na sección Buxainas, para nenos e nenas dende os 7 anos.

Programación do sábado 14
A programación continúa durante toda a fin de semana. O sábado 14, a partir das 12h na Casa da Cultura de Bertamiráns, poderase asistir a dous bloques de curtas, a primeira para nenos e nenas a partir dos dous anos e a segunda para maiores de sete. Pola tarde, é o turno da proxección de curtas fóra do concurso, como as da editora OQO. Para rematar, a proxección da longametraxe The little wizard. O mago dubidoso, un filme de animación en 2D, dirixido polo cineasta vigués Roque Cameselle. Ademais, o sábado impartirase unha das novidades desta edición, un taller de stop motion, a cargo do director Fernando Cortizo, pioneiro desta técnica en Galicia. Neste obradoiro, nenos e nenas de 7 a 12 anos crearán coas súas propias mans unha secuencia cinematográfica, modelando e animando as personaxes.

Peche do Festival o domingo 15
O domingo pola mañá, o Festival trasládase á Casa da Cultura do Milladoiro, onde terá lugar a proxección do último bloque de curtas ‘Axóuxeres’, para os máis pequenos da familia. Logo diso, chegará unha das sección máis esperadas: ‘A festa dos videoclips’, na que gozar e bailar coa música de Magín Blanco, Uxía Lambona e a banda molona ou Paco Nogueiras, quen estará presente durante a sesión. Pola tarde, a partir das 17h gozaremos dunha escolma de pezas seleccionadas polo Festival convidado nesta edición, o Ficbueu. E a partir das 18h, o acto de peche e entrega de premios, gala presentada por Paco Nogueiras, quen tamén actuará ao peche da mesma.

Prezo das entradas e inscricións
O prezo das entradas para as bloques de curtas é de 2€ adultos e 1€ menores de 18 anos. As seguintes sesións son de balde: Inauguración, Clausura e Festa dos videoclips galegos, mais é obrigatorio retirar o billete no propio auditorio ou en http://abilleteira.concellodeames.gal/gl/. A inscrición para o obradoiro de stop-motion deberá realizarse a través do teléfono 981 53 59 40 / 662 377 444 ou no enderezo electrónico cultura@concellodeames.gal.

Sé el primero en comentar

Dejar una contestacion

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.


*


Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.