Literatura, Portada — 28 diciembre, 2017 a las 23:45

II Premio María Luz Morales

Por

A Academia Galega do Audiovisual e as catro deputacións galegas premian, un ano máis, a excelencia na investigación científica no ámbito audiovisual convocando a segunda edición dos premios María Luz Morales. As persoas interesadas en participar nesta iniciativa, pioneira no Estado, poden presentar os seus ensaios escritos e/ou os seus videoensaios sobre temática galega ou internacional dende hoxe mesmo ata o próximo 7 de maio a través do correo-e inscricions@academiagalegadoaudiovisual.gal, segundo recollen as bases que xa están publicadas na web da Academia. Os traballos gañadores recibirán, o vindeiro mes de xuño, un galardón e 1.200 euros.

Os premios María Luz Morales de investigación audiovisual pretenden avivar o interese polos estudos sobre o audiovisual, ofrecendo ás persoas estudosas e investigadoras a posibilidade de facer os seus traballos tanto en formato audiovisual como escrito. Levan o nome dunha xornalista galega que foi pioneira na súa época, ao converterse na primeira directora dun xornal diario estatal, e que exerceu como crítica, investigadora e colaboradora de producións audiovisuais. Morales foi tamén un referente na defensa dos dereitos das mulleres e no galeguismo e foi represaliada e apartada da profesión durante o franquismo.

María Luz Morales (A Coruña, 1889 – Barcelona 1980). Escritora e xornalista, especializada na crítica de cine e de teatro, dirixiu o xornal La Vanguardia durante a Guerra Civil, sendo a primeira muller na historia de España en ser directora dun diario estatal. Foi activista feminista, republicana e galeguista represaliada polo franquismo, e autora dunha extensa obra literaria. Considerada unha referencia da incorporación da muller a actividade xornalística e intelectual na España do século XX, mantivo a actividade xornalística ata os 91 anos de idade.

Os gañadores da primeira edición foron Brais Romero, que gañou o Premio ao mellor Vídeo Ensaio Galego con Films From Galicia (?), unha visión crítica e combativa na marxinación do idioma galego na produción audiovisual galega; Denisse Lozano, que gañou o Premio ao mellor Vídeo Ensaio Internacional con A cámara perseguidora. Orixe e intención dos planos de seguimento; Cibrán Tenreiro, que gañou o Premio ao mellor Ensaio Escrito Galego con Equilibrios precarios. Unha aproximación aos vídeos dunha escena underground galega; e Noelia Álvarez e Nazaré Estévez, que obtiveron o Premio ao mellor Ensaio Escrito Internacional con Análise da representación da muller no cinema español da última década.

Descargas: Bases |  Traballos premiados na primeira edición

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*