Hierro, única serie española seleccionada no prestixioso festival Series Mania

O proxecto estará presente na sección Panorama Internacional con outras ficcións como a británica Les Misérables, a arxentina Monzón, a alemá 8 Days ou a coreana The Guest

O festival terá lugar entre os próximos 22 e 30 de marzo en Lille, Francia

O festival Series Mania vén de anunciar recentemente a programación da súa sección Panorama Internacional, entre a que se atopa a serie Hierro, da produtora galega Portocabo. A ficción, primeira coprodución televisiva entre España (Portocabo) e Francia (Atlantique Productions), para Movistar+ e Arte, estreará durante o festival francés dous dos capítulos deste thriller ambientado na remota illa canaria de El Hierro

O proxecto foi impulsado por Alfonso Blanco na produción executiva, Jorge Coira na dirección, Pepe Coira ao fronte da creación e, xunto a eles, o talento musical da coruñesa Elba Fernández (Mordem) e Xavi Font. A serie competirá entre un total de quince ficcións procedentes de diversos lugares do mundo entre as que se atopan a británica Les Misérables, a arxentina Monzón, a alemá 8 Days ou a coreana The Guest.

Hierro, que foi filmada no pasado ano e se estreará ao longo deste 2019 en Movistar+ e Arte France, é un thriller que narra a historia de Candela (Candela Peña), xuíza experta e de forte carácter. Xusto recén chegada ao seu novo e estraño destino, El Hierro, tócalle enfrontarse a un caso de asasinato. Todos alí pensan que o culpable é Díaz (Dario Grandinetti), un turbio empresario, tan empeñado como a xuíza en atopar ao asasino. Ela, por facer o seu traballo. El, por demostrar a súa inocencia. Ambos se adentrarán nun camiño físico e emocional… un camiño ao inferno que comeza no paraíso.

Series Mania, punto de encontro da televisión internacional

Series Mania, que se celebrará entre os próximos 22 e 30 de marzo en Lille (Francia), é un dos foros de coprodución de televisión máis importantes de toda Europa. Na súa última edición, o festival recibiu case 60.000 visitantes e máis de 2.000 profesionais entre os que se atopan creadores, guionistas, directores e diversos talentos. Na actualidade, Series Mania está considerado un punto de encontro para a televisión internacional e conta, ademais, co recoñecemento de público e industria de todos os lugares do mundo.

Xunto a Hierro, formarán parte da sección Panorama Internacional: 8 Days (Alemaña), Asylum City (Israel), Blackout (Rusia), The Cry (Reino Unido e Australia), Curfew (Reino Unido), Exit (Noruega), Flack (Reino Unido), Folklore (Singapur), The Guest (Corea do Sur), Les Misérables (Reino Unido), Monzón (Arxentina), MotherFatherSon (Reino Unido), Pros And Cons (Dinamarca) e Success (Croacia).

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.