Cultura, Portada — 12 febrero, 2018 a las 19:59

O Paraninfo Universitario

Por

A Asociación de Amigos do Museo de Historia Natural da USC proclama os gañadores do seu III Concurso de Nadal

 A Asociación de Amigos do Museo de Historia Natural da USC xa ten os gañadores do seu III Concurso de Nadal, ao que se presentaron máis dun centenar de traballos que nesta ocasión tiveron como temática os riscos naturais e os danos que poden causar á natureza.

No caso das participacións individuais, os gañadores nas diversas categorías por idade foron Iván Silva Torres, de 8 anos, polo traballo O correo do Museo; Tomás Caamaño Corral, de 9 anos, por Rosco catastrófico; Sara Marcos Lamas, de 15, por Sen nome; e Anxo López González, de 30 anos, polo traballo Miravella.

Nas categorías colectivas concedéronse catro premios, dous deles na de 5 a 8 anos: un ao conxunto de traballos presentados por Macarena Cornide Petronio e outro ao presentado por Raquel Garabatos Rodríguez, nos dous casos do alumnado de 2º de primaria do Colexio Manuel Peleteiro. Na categoría de 9 a 13 anos gañou La familia volcánica, no que participaron Inés Diéguez, Antón Garrido, Deva Pérez e Lía Carracedo. Na de 14 a 17 anos, o traballo gañador foi o presentado por Sara Pereira Costa, Tsunami, no que participaron Carlota Agrafojo e Julia Cuíñas.

O xurado estivo formado pola vicepresidenta da asociación, Mª Isabel Fraga; o tesoureiro, Roberto Almuiña Díaz; o secretario, Francisco Caamaño Isorna, e as vogais Rosario García-Echave López e Adela Vázquez. Os premios entregaranse próximamente nun acto no que participará o reitor da USC e presidente da Asociación de Amigos do Museo, Juan Viaño Rey, no Museo de Historia Natural da USC.

 

Os Ies Xoán Montes, de Lugo, e Rosalía de Castro, de Santiago, gañan as fases da IX Olimpíada de Xeoloxía celebradas na USC

Os lugueses Pablo Gallego e Jorge Rábade e as compostelás Antía Vilas e Lucía Gontán representarán a Galicia o 17 de marzo en Segovia na fase española da competición

Os Ies Xoán Montes, de Lugo, e Rosalía de Castro, de Santiago, proclamáronse campións absolutos das fases da IX Olimpíada de Xeoloxía celebradas na USC, despois de que o alumnado destes centros educativos acadara a práctica totalidade dos premios individuais e por equipos nas fases provincias do torneo celebras na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo e na Facultade de Bioloxía, en Compostela, nas que formalizaron a súa inscrición 59 e 64 estudantes, respectivamente.

O premio para o vencedor absoluto da fase luguesa da IX Olimpíada de Xeoloxía foi para o alumno de cuarto da ESO do Xoán Montes Pablo Gallego Arias, quen con este triunfo certificou a súa clasificación para participar na fase nacional da IX Olimpíada de Xeoloxía, que se celebrará o 17 de marzo en Segovia. Os seus compañeiros de curso no mesmo centro Jorge Rábade Alonso e Jacobo Fariñas Varela acadaron o segundo e o terceiro premio respectivamente, mentres que Martín González Rodríguez tamén estudante de último curso da ESO no mesmo centro, mereceu tamén un accésit.

Na competición por equipos, na que participaron grupos formados por alumnado dos Ies Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo, Ies Gregorio Fernández de Sarria, Ies Xoán Montes de Lugo e IES Aquis Querquenis de Bande (Ourense), o galardón ao conxunto mellor clasificado foi para o formado por Cristian Gallego Anello, Raúl García Pacios, Tomás Iglesias García e Pablo Gallego Arias, alumnos do IES Xoán Montes de Lugo.

A alumna de 2º de BAC do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela Antía Vilas Oliveira proclamouse campiona da provincia da Coruña nesta edición da Olimpíada de Xeoloxía. A súa compañeira de curso no mesmo instituto compostelán Lucía Gontán Iglesias rematou as probas desenvolvidas na Facultade de Bioloxía da USC coa segunda mellor clasificación, mentres que Catuxa Casteleiro Deus, tamén alumna de 2º de BAC no Ies Rosalía de Castro, rematou en terceira posición. O accésit co que a organización distingue ao estudante de ESO mellor clasificado na fase coruñesa da IX Olimpíada de Xeoloxía foi para Marta Rodríguez Lorenzo, do Ies de Brión.

Unha vez rematadas a fases provinciais da IX Olimpíada de Xeoloxía, un certame promovido a nivel nacional pola Asociación Española para o Ensino de colaboración coa Sociedade Española de Xeoloxía e o Colexio Oficial de Xeólogos que citou 202 estudantes de 18 centros de Galicia, nos dous centros xa citados da USC, así como na Facultade de Ciencias de Ourense e na Escola de Minas de Vigo, os mellores clasificados de cada provincia participarán no campionato nacional.

Daquela, os lugueses Pablo Gallego e Jorge Rábade, así como as estudantes compostelás Antía Vilas e Lucía Gontán, conformarán, xunto cos gañadores de Pontevedra, a representación galega que compita o 17 de marzo en Segovia na fase nacional da IX Olimpíada de Xeoloxía. Deste campionato, convocado un ano máis polo Colexio de Xeólogos, a Sociedade Xeolóxica Española e a AEPECT (Asociación Española para a Ensinanza das Ciencias da Terra), sairá a selección que represente a España na fase internacional do torneo, unha competición que se desenvolverá no mes de agosto en Tailandia.

Unha tese aproxima as literaturas chinesa e española nun estudo comparado de La Celestina e Xi Xiang Ji

A investigadora Tian Xia atopou na súa tese doutoral singulares coincidencias en temas, estilos e enfoques sociais nas obras clásicas La Celestina, de Fernando de Rojas, e Xi Xiang Ji (Historia del ala oeste), de Wang Shifu. Trátase da primeira tese deste tipo que se presenta na USC e que supón un avance significativo dentro dos estudos que acercan literaturas aparentemente afastadas como a chinesa e a española.

A grande dificultade que supón o dominio da cultura española da época da Celestina e da obra clásica chinesa Xi Xiang Ji foi o desafío máis destacado desta investigación, para a que a autora traballou coas dúas obras no seu idioma orixinal. A tese parte do feito de que ambas as dúas pezas teñen en común o protagonismo da intermediaria nos amores ilícitos: a criada Hongniang e a vella Celestina.

A investigación enmárcase no programa de doutoramento Estudos da Literatura e da Cultura e estivo dirixida polo profesor da USC Santiago Fernández Mosquera e Alicia Relinque, da Universidade de Granada.

Tian Xia, que dende hai cinco anos pertence ao grupo de investigación Calderón da USC, chega coa súa tese ao cumio dunha carreira académica á que aspiran outro alumnado chinés que asiste ás clases de Lingua e literatura españolas na Facultade de Filoloxía da Universidade compostelá. Como afirma o profesor Fernández Mosquera, “unha tese deste tipo demostra non xa o interese polo español en China senón a consolidación dos estudos que van máis alá do mero desenvolvemento lingüístico para centrarse en investigacións de grande profundidade en obras clásicas das dúas culturas”.

O tribunal que por unanimidade lle concedeu a cualificación de Sobresaliente cum laude estivo composto por Juan Casas Rigall, da USC; Isabel Cervera, da Complutense e do Instituto Confucio; e Azucena González Blanco da Universidade de Granada.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.