Actualidad, Agenda — 5 julio, 2017 a las 21:55

Faise público o programa de Festas 2017 do Apóstolo Santiago

Por

O día grande do Apóstolo resérvase na praza da Quintana para un concerto que estará protagonizado exclusivamente por bandas galegas: Comando Katanam, Bifannah, Jay, Bala e Novedades Carminha.

Na Praza da Quintana celebraranse os principais concertos da programación, incluído o da noite do pregón, que muda o seu escenario habitual da praza do Obradoiro.

A noite do 24 de xullo terá lugar un dos principais concertos das festas, con The Chevelles e The Gift

Do 14 ao 18 de xullo, a Quintana será o escenario para o ciclo Terra de Fraternidade. Un encontro das diferentes culturas do mundo a través da música”.

O alcalde presentou hoxe O Programa Festas Apóstolo 2017, que se celebrarán do 14 ao 31 de xullo. Martiño Noriega salientou que serán “18 días cunha intensa actividade, con propostas dirixidas a públicos moi diversos, en localizacións distintas por toda a cidade, e coa implicación de diferentes colectivos de Compostela”. O rexedor salientou que se consolidan apostas que foron xurdindo nos últimos anos, coma o ciclo Artellando, o concerto das bandas galegas na Quintana ou as actuacións dos grupos do censo Compostela É Música! na praza do Toural.

A elixida como pregoeira é a cantante Uxía Senlle. Recoñecida como un dos grandes nomes da música galega e unha das maiores divulgadoras da nosa poesía. Martiño Noriega lembrou que “aínda que naceu en Mos, Uxía é unha compostelá máis, e está moi presente na vida cultural da nosa cidade”. Uxía ten publicados doce discos, que lle valeron importantes recoñecementos como o Premio da Crítica Galicia 2016 ou o Premio ao Mellor Álbum de Música de Raíz nos Premios de la Música Independiente de España por Meu Canto. Á marxe do pregón, Uxía formará parte da programación das festas co concerto no que vai acompañar á Real Filharmonía de Galicia, o 20 de xullo na praza da Quintana.

Concertos da Quintana
O pregón de Uxía dende o balcón do Pazo de Raxoi, no venres 14, marcará o comezo das festas que se desenvolveran principalmente na Praza da Quintana, incluído o da noite do pregón, que muda o seu escenario habitual da praza do Obradoiro.

Do 14 ao 18 de xullo terá lugar Terra de Fraternidade, un ciclo que, segundo explicou o alcalde, “nace coa vontade de que as festas sexan tamén un espazo para o encontro das diferentes culturas do mundo, a través da música”. O primeiro dos concertos estará protagonizado por Raigaña, Mercedes Peón, e banda polaca Warsaw Village Band. O ciclo tamén nos dará a oportunidade de escoitar música chegada de Ghana, Mozambique, Brasil ou Etiopía.

O 20 de xullo será a vez da Real Filharmonía de Galicia acompañada pola cantante Uxía e, ao día seguinte, o escenario acollerá a proxección da ópera Il Trovatore, de Verdi, coa Orquestra Sinfónica e Coro do Gran Teatre del Liceu. O 22 de xullo será o momento do Certame Folk organizado por La Voz de Galicia, que se pechará coa actuación de Milladoiro, e o 23 de xullo celebrarase a tradicional xornada de folclore coa participación dos catro grupos máis representativos da cidade: Cantigas e Agarimos, Brincadeira, Colexiata de Sar e Ultreia.

Xa o 24 de xullo terá lugar un dos principais concertos das festas, con The Chevelles e The Gift. Os primeiros son uns dos principais representantes do power-pop australiano, cunha traxectoria artística de 27 anos nos que teñen ofrecido máis de 1.500 concertos. En canto aos lisboetas The Gift, chegan a Santiago dentro da xira de presentación do seu sexto disco, Altar.

O día grande do Apóstolo resérvase na praza da Quintana para un concerto que estará protagonizado exclusivamente por bandas galegas, “repetindo unha experiencia que resultou moi satisfactoria o ano pasado”, segundo apuntou o alcalde. Desta vez, xuntaranse no cartel Comando Katanam, Bifannah, Jay, Bala e Novedades Carminha.

Na xornada seguinte, o 26 de xullo, chegará outro dos pratos fortes destas festas: os barceloneses Dorian, que compartirán escenario con Tórtel. O 27 de xullo será a vez para o soul e o gospel de Irvin Arthur & The Black Voices of América, acompañados por Hot Swing Revue. Xa o día 28 estará en Santiago a cantante estadounidense Macy Gray e, o 29, Alejandro Vargas Consort e a Camerata Gelrio, xunto coa cantante Rosa Cedrón, para recordar a Chané no centenario do seu nacemento.

A do 30 de xullo será outra noite moi especial na Quintana, cun concerto que reunirá a Treixadura, Cantigas e Agarimos e a Banda Municipal de Música. A programación nesta praza pecharase co concerto, o día 31, de Allah-Las e The Limboos.

Máis música na Praza do Toural
Á marxe do escenario da Quintana, no Apóstolo 2017 haberá moita máis música. Repetirase a aposta polos músicos locais que forman parte do censo
Compostela É Música!, que terán reservado o escenario da praza do Toural do 25 ao 31 de xullo. Por alí pasarán a Orquestra Xuvenil de Estudio, Falúa, Xosé Constenla e Os Desbandados, Esposa, Natasia Zürcher e The Funkles.

Praza de Feixóo, Tras San Fiz de Solovio, e a Vía Sacra

Ademais, o Concello e a Asociación Cultural Cidade Vella colaboran para facer realidade as actuacións de dez grupos distintos en espazos como a praza de Feixóo, Tras San Fiz de Solovio, e a Vía Sacra. Serán formacións de estilos ben diferentes, que van dende a música máis tradicional ao jazz, o funk ou o rock. No ciclo participaran Xan Campos ESD, Gruzvilla, Monkillos, Do Fondo do Peto, Tiberevi, Pardo & King, Filo, Puma Pumku, e Lar Legido e Amigos.

En colaboración coa Asociación Músicos Ao Vivo, o 26 de xullo celebrarase a Jam Martiño Pinario, con música, charlas, aulas abertas, jam session e un espazo de actividades para nenos e nenas.

Ademais, a programación do Apóstolo inclúe unha sesión do Baile Assalto o 20 de xullo, que se pechará cun concerto de Os Cempés; unha actuación de De Vacas o día 22, enmarcada no programa Territorio das Mulleres; un serán de hip hop que se celebrará o 27 de xullo en Vite; varias actuacións da Banda Municipal de Música e sesións vermú na praza de Cervantes. Tampouco faltarán as tradicionais orquestras da Alameda,

Artellando
Tamén haberá un apartado musical no programa
Artellando, que volve no Apóstolo “co obxectivo de descentralizar a programación e que a veciñanza de todo o municipio perciba que estamos en festas”, indicou o alcalde. Será do 17 ao 23 de xullo, con máis de vinte actividades distintas, repartidas en tres paquetes. Así, o Artellando nos barrios levará actividades aos centros socioculturais de Villestro, Vite, A Trisca, Lavacolla, O Castiñeiriño, Santa Marta e Aríns, e a espazos como Área Central ou o Matadoiro. O Artellando nos recunchos reúne diferentes propostas de artes escénicas en espazos singulares como a praza de Obradoiro, a praza de San Fiz, o xardín botánico de Fonseca ou os parques de Belvís, Bonaval e a Alameda. Finalmente, o Artellando na noite recolle catro concertos na praza do Toural, con Celina Piedade, Cosmotrópicos, Questioni Meridionali Folki e La Shica.

Outras propostas
A programación do Apóstolo inclúe aínda outras moitas propostas de interese. O día 18 teremos unha nova edición de
Circompostela, a Gala do Circo compostelán que contará coa participación de numerosos artistas; e o día 19 Chévere porá en escena na Quintana a súa Ultranoite no país dos ananos, no marco dos actos cos que a compañía celebra o seu 30 aniversario. O 20 de xullo será a Romaría Cativa, con actividades para os nenos e nenas dende as doce do mediodía ata as 19:30 horas.

Preme aquí para velo Programa Festas Apóstolo 2017

2 comentarios

  1. Onde se poden conseguir as entradas para a Philarmonica na Quintana?. gracias

    • No Teatro Principal, aquí en Santiago, podes adquirir as entradas. Teñen un horario de martes a sábado de 6 da tarde ata as 9 da noite ( 18:00 a 21:00h). Tamén podes mercalas o día do concerto.
      Se necesitas máis información, estes son os teléfonos de contacto: 981 542 349 ou 981 542 347

      Saúdos

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*