Ciencia, Portada — 19 julio, 2018 a las 11:46

Expertos na Idade Media de diferentes países danse cita en Santiago para dar a coñecer a riqueza do medievo en torno da figura de San Francisco de Asís

Por

Expertos na Idade Media están a reconstituír virtualmente diversos conventos franciscanos que se atopan en risco de desaparición

Tamén están a recuperar obras de arte e elementos funerarios da Orde Franciscana pouco coñecidos

Investigadores de diferentes países reúnense esta semana en Santiago para analizar os achados máis relevantes en torno á figura de San Francisco de Asís e os seus frades

San Francisco na Coruña. Imaxen do templo no asentamento orixinal. A Maestranza a principios do século XX. /Foto de la opinión

A Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares promove o Congreso Internacional Francisco de Asís, o Santo e os seus frades. Proxección no Occidente medieval. É unha iniciativa que se realiza en colaboración coa Universidade de Santiago, a Xunta de Galicia e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional; e na que tamén colabora a Provincia Franciscana de Santiago. Comenzou no compostelán Convento de San Francisco e prolongarase ata o hoxe,  xoves 19 de xullo,  no Paraninfo da Universidade de Santiago, na Facultade de Xeografía e Historia.

Neste evento participan membros de universidades e organismos de investigación de Italia e Portugal, xunto a outros procedentes de diversos centros de Galicia e doutros puntos de España. É un congreso aberto a toda a sociedade, que pretende ser unha actualización dos estudos franciscanos ante o achado de novas fontes e a súa revisión por expertos nacionais e internacionais de disciplinas dispares. Así, analízanse as orixes da Orde e das súas diferentes ramas, que ata o de agora eran incertas, o que permite dar resposta a importantes preguntas que se formulaban os expertos neste eido.

Nesta reunión de especialistas sobre a figura de San Francisco de Asís e os seus frades conéctase con diferentes aspectos da sociedade e a vida na Idade Media. As coordinadoras do congreso -profesoras de Historia, Historia da Arte e Filoloxía da Universidade de Santiago- explican que “San Francisco de Asís e as ordes franciscanas tiveron unha importante contribución ao longo da Historia”. Nesta liña, preséntase a inclusión dos franciscanos na sociedade e a súa relación cos diferentes estamentos da sociedade medieval, dende a monarquía ata a burguesía, e en especial cos excluídos. Os frades tamén foron axentes de diálogo co mundo musulmán, tal como se salienta neste congreso dende a perspectiva da Historia, a Filoloxía e a Arte.

Avánzase na recuperación dos conventos e obras de arte da Idade Media

Un dos aspectos máis relevantes que se está a abordar neste encontro é o estudo do patrimonio conservado e a reconstitución virtual dalgúns exemplos perdidos da Idade Media, debido a que boa parte dos conventos atópanse na lista vermella de Patrimonio, é dicir, que están en perigo de extinción, como é a situación dalgúns dos Terciarios franciscano de Castela.

En relación a isto, os investigadores queren chamar a atención da Administración para que se tomen medidas para poñer freo a esta realidade. Así, a través de fontes textuais patrimoniais diversas, os expertos están tratando de recuperar conventos medievales xa desaparecidos ou que se foron reformando ao longo do tempo, perdendo o seu aspecto orixinal. En Galicia a maioría dos conventos mantéñense en bo estado de conservación e proponse a análise de exemplos con orixe claustral como San Francisco da Coruña, observante como San Francisco de Louro en Muros, entre outros. A finalidade é mostrar cal era a súa imaxe real na Idade Media.

Por outro lado, no transcurso destas xornadas trataronse as devocións que suscitaba esta orde na Idade Media, a través do estudo de obras de arte, en particular pinturas e esculturas, mediante a recuperación deste patrimonio en Galicia. Búscase poñer en valor unha serie de imaxes que son descoñecidas na actualidade porque xa non se usan, co tempo foron perdendo a súa función inicial. Trátase de recuperalas no seu contexto orixinal. Nesta mesma liña, estanse a recuperar unha serie de esculturas funerarias e outras obras vencelladas co ámbito funerario, que servían para transmitir devoción na Orde Franciscana.

Os organizadores desta iniciativa destacan que pretenden abrir o mundo medieval a toda a sociedade. Queren transmitir a idea de que “a Idade Media non foi una época escura que cómpre esquecer, senón, ao contrario, unha época luminosa e chea de atractivos”.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*