Agenda, Cultura, Portada, Teatro — 10 abril, 2018 a las 22:14

Estrea este xoves de Divinas Palabras no Salón Teatro en Santiago de Compostela

Por

Todo preparado para a representación de Divinas Palabras en galego

A paisaxe de Galicia non é o mesmo de hai cen anos

O novo encargo do Centro Dramático a Chévere agarda ao xoves para ser estreado

Hoxe tivo lugar no Teatro Principal, de Santiago de Compostela, a presentación da nova produción do Centro Dramático Galego (CDG) a obra Divinas Palabras; adicada a Ramón María del Valle-Inclán e publicada en 1919, a obra vén a completar e pechar, polo momento, un ciclo adicado á creación de Valle-Inclán e xa por fin interpretada en lingua galega; tradución que estivo prohibida ata que se liberou dos dereitos de autor.  

Divinas Palabras Revolution estréase o vindeiro xoves 12 ás 21 horas, e permanecerá en cartel ata o domingo 29, momento no que partirá nunha xira de dous meses por Galicia para rematar en Madrid, no Teatro Español, alí representarase en galego, con sobretítulos en castelán, 85 anos despois da estrea da obra orixinal, que tivo lugar en 1933 nese mesmo espazo baixo a dirección de Cipriano Rivas Cherif, con escenografía de Castelao e con Margarita Xirgu como Mari-Gaila.

En Santiago de Compostela, no Salón Teatro, sede do Centro Dramático representarase 16 funcións. As de público xeral terán lugar de xoves a sábados, ás 20,30 h., e os domingos, día do espectador, ás 18,00 h. Así mesmo, os asistentes terán a oportunidade de intercambiar impresións co equipo tras o pase dos xoves nos chamados Encontros co Público. En canto á campaña escolar, desenvolverase en pases matinais os martes e mércores para alumnado a partir dos 15 anos de idade.

A casa en directo

Completan o reparto Antón Coucheiro (Sétimo Miau), Borja Fernández (Migueliño), Mónica García (Marica do Reino), Tone Martínez (Candás), Victoria Pérez (Tatoola), Ánxela Ríos (Simoniña) e Tomé Viéitez (Laureano). Na versión que asinan Manuel Cortés e Xron, con dramaturxia deste último, estes personaxes son os concursantes dun concurso de telerrealidade, durante o que teñen que convivir nunha casa-plató vixiados polas cámaras 24 horas. Deste xeito, a ‘traxicomedia de aldea’, como subtitulou Valle a obra orixinal, convértese aquí en ‘traxicomedia de aldea global’.

O espazo audiovisual deseñado por Quadra Producións/Cuco Pino, coa asistencia técnica de Semi Soto, é pois peza indispensable na nova montaxe do Centro Dramático Galego, para a que Xron tamén contou no equipo artístico con Suso Montero (escenografía), Mar Fraga (vestiario), Fidel Vázquez (iluminación), Xacobe Martínez Antelo (música orixinal e espazo sonoro), Fanny Bello (caracterización), Iván Nespereira (deseño gráfico das tatuaxes), Rosa Moledo (asesoría lingüística a partir da tradución de Manuel Cortés), Arantza Villar (asistencia de dirección) e José Díaz (asistencia de produción). Xunto a eles, o equipo habitual da compañía

Domingos de Conciliación

Ademais, nas tres funcións dos días 15, 22 e 29 de abril, o CDG pon en marcha un novo servizo, denominado Domingos de Conciliación, para todas as persoas con nenos/as ao seu cargo que queiran asistir ao espectáculo. Esta iniciativa –incluída no prezo da entrada– consiste nun obradoiro de artes escénicas na Fundación Granell, para idades comprendidas entre os 5 e 12 anos, onde os rapaces e rapazas poden pasar unha tarde entretida mentres os seus maiores asisten a Divinas Palabras Revolution no Salón Teatro. Para solicitar este servizo, de prazas limitadas, cómpre enviar un correo electrónico ao enderezo centro.dramatico.galego@xunta.gal ou chamar ao 881 867 229, de luns a venres (agás festivos) de 9,00 a 14,00 h.

Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura; Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Fefa Noia, directora do CDG; e Xron, director do espectáculo, interviñeron nesta rolda de prensa, na que tamén participou unha representación do elenco, encabezado por Patricia de Lorenzo, no papel de Marigaila, e Manuel Cortés, no de Pedro Gailo.

Fefa, lembraba como hai dous anos Xron e Patricia lle propoñían nunha conversa levar á escena esta peza na idea alonxada do que é o folclore e sustraendo a esencia do libro; nese saber ler a Valle. Ademáis agradeceu a todos os profesionais da entidade a súa labor. Tamén facía fincapé no servizo de conciliación que puxo en marcha o CDG ao que lle concedeu moita importancia. Pola súa banda, Xron sinalou que todo este proceso leva un traballo previo que neste caso foi un ano de traballar no proxecto. Puxo de manifesto que o espíritu crítico e inconformista do autor sigue a estar presente: “Un retrato descarnado dun pobo inconsciente da súa ferocidade, un testemuño irascible da miseria moral da sociedade”

Ao falar da satisfacción do resultado acadado a día de hoxe, explicou que sempre cando rematan os ensaios pensa que hai algo que cambiaría pero cando empezan as representacións, dase de conta que as cousas non estaban desencamiñadas. Indicou que se hai un desexo como director na sensación final do público é espertar na xente o impulso á lectura de Valle – Inclán. Engadeu que as bondades paisaxísticas que Valle describe, para el,  desculpan incluso as miserias contidas nas personaxes, unha beleza que non é a mesma na actualidade, 100 anos despois. Hoxe vivimos nunha aldea global, que non rural.

Nas verbas de Xron: “esta é unha nova aproximación ao esperpento que xa abordou Quico Cadaval con Cabeza de dragón, ofrecendo unha dramaturxia máis teatral. Despois Marta Pazos con Martes de Carnaval doulle o enfoque do universo de Voadora; agora Divinas Palabras e unha volta máis” A interpretación con Chévere abordando a complexa traxicomedia dun autor xenial nada doado para representar, e na necesidade de actualizar o contexto e ambientación.

A representación desta obra vén a saldar unha débeda histórica que data dos primeiros anos do CDG con L. Álvarez Pousa como director. Un tempo en que non se puido convencer á familia do insigne escritor para traducir ao galego Divinas Palabras.

Representacións en Galicia, fóra de Santiago

Divinas Palabras Revolution iniciará despois unha xira durante a que se exhibirá noutras oito localidades galegas (4 de maio en Carballo, 11 e 12 de maio en Ourense, 1 de xuño no Barco, 8 e 9 de xuño na Coruña, 14 de xuño en Pontevedra, 16 de xuño en Rianxo, 21 e 22 de xuño en Vigo e 29 de xuño en Cangas), así como no Teatro Español de Madrid (do 17 ao 27 de maio)

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*