Estrea do documental Zanka Dialna realizado por tres xornalistas galegas en Marrocos

A facultade de Xornalismo de Compostela acolle mañá, mércores 30 de xaneiro, ás 12:30 horas, a estrea do documental Zanka Dialna (A rúa é nosa) gravado o pasado verán en Marrocos polo ourensán Marcos Fernández Rodríguez, a viguesa Leticia Francisco e a luguesa Uxía Pérez Fieiras, tres novísimos xornalistas que pecharon con esta historia de historias o seu paso polo Seminario de Comunicación Social organizado polas ONGDs galegas Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP). Acompañáronos no proceso María Aneiros e Antonio Grunfeld, do equipo da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios

O Seminario de Comunicación Social e Cooperación Internacional, que acaba de abrir a inscrición para participar na súa novena edición, ofrece a alumnado e a profesionais da comunicación a posibilidade de coñecer distintas facetas da comunicación para o cambio social (radio comunitaria, fotografía, documental, etc.) a través de persoas expertas na materia, así como de achegarse a temáticas transversais como o feminismo, a cooperación internacional ou os dereitos humanos. Dúas das persoas asistentes teñen a oportunidade, ademais, de completar a súa formación cunha viaxe a Marrocos onde visitarán os principais proxectos de cooperación para o desenvolvemento levados a cabo neste país.

Froito desa viaxe é o documental Zanka Dialna (A rúa é nosa), que agora se estrea. «Unha historia de voces agochadas que teñen o poder de cambiar as cousas», nas palabras dos seus creadores. Voces que buscan un lugar nun sistema que as infravalora, as agrede e as priva de dereitos. Voces que se empoderan para conquistar as rúas. Rúas que, sendo súas, están moi lonxe de escoitalas. As mulleres alzan as súas voces neste documental para darnos a coñecer unha realidade que semella afastada á nosa, mais que remata por ter cousas en común: unha sociedade non igualitaria.

«Os que fixeron as leis en Marrocos son machistas. Tódalas as leis son en favor do home e non da muller. A muller marroquí está explotada na casa, na empresa, en todo”, denuncia unha das mulleres que loita día a día por mudar un réxime inxusto. Marrocos dá as costas ás duras historias que afrontan as mulleres, arroupando un contexto patriarcal que as sitúa por debaixo do home. Mentres, as nosas protagonistas buscan miradas que non condenen as súas historias. Olladas que admiren á muller marroquí como unha persoa “capaz, moi capaz” e como aquela que ten o poder de cambiar as cousas no país co seu empoderamento.

Escoitamos agora historias que estaban agochadas, historias de mulleres que loitan por unha lei que as ampare con dereitos xustos. Todas elas alzan a voz na defensa dunha ensinanza que promova a sensibilización, un traballo digno no que non cabe maltrato, unha identidade para as súas fillas sen pais, un salario igualitario que non acolla a explotación como condición, dereito á opinión, á libre expresión e a saír á rúa como, cando, onde, cantas veces e con quen queiran.

O IX Seminario de Comunicación Social e Cooperación Internacional celebrarase entre o 6 de febreiro e o 10 de abril. A formación, cunha duración de corenta horas lectivas, impartirase os mércores entre as 16 e as 20 horas na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, que colabora con esta iniciativa que conta tamén co apoio da Xunta de Galicia. A inscrición está xa aberta no enderezo electrónico escolassenracismo@agareso.org e ten un custo de 100 €. Este seminario, que pretende capacitar aos asistentes para a comunicación, para o cambio social e favorecer deste modo a inclusión, está incluído dentro do proxecto europeo Escolas sen Racismo que leva traballando en Galicia en prol da erradicación de prexuízos dende o ano 2011.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.