Este venres 3 de maio entrégase en Ferrol o XV Premio José Couso a Defende A Galega

Hoxe, venres 3 de maio vai ter lugar en Ferrol a entrega da XV edición do Premio José Couso, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol. A candidatura gañadora deste ano é Defende A Galega, o movemento de mobilización dos traballadores dos medios públicos galegos.


Os actos comezarán ás 17:45 horas no Concello de Ferrol coa recepción no Concello e sinatura no libro de honra, con acceso só para xornalistas gráficos. A continuación, os comunicadores da CRTVG Tati Moyano e Carlos Jiménez, en representación de Defende A Galega, intervirán nunha rolda de prensa no salón de recepcións do Concello a partir das 18:00 horas, onde estarán acompañados pola presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Xulia Díaz Sixto; o decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Francisco X. González Sarria; e o alcalde do Concello de Ferrol, Jorge Suárez Fernández.

Ás 19:00 horas terá lugar a tradicional ofrenda floral na estatua ‘Ás Ceibes’, do escultor Manuel Patinha, no Cantón de Molíns, onde a xornalista Sabela Direito será a encargada de ler un texto en nome da organización. Ás 19:30 horas dará comezo no Teatro Jofre o acto de entrega, que será presentado por Patricia Hermida, onde Moyano e Jiménez, en representación de Defende A Galega, recollerán o galardón e terán unhas palabras para o público presente. Ao remate, como cada ano, vai celebrarse, a partir das 20:00 horas, o Concerto da Liberdade, nesta ocasión a cargo do grupo Petit Swing.

A candidatura premiada
O 25 de maio de 2018, traballadores e traballadoras da Televisión de Galicia e da Radio Galega comezaban a vestir os venres con camisolas negras, iniciando unhas mobilizacións que están a piques de facer un ano e que se popularizaron a través dos cancelos #DefendeAGalega e #VenresNegros. Con elas, queren chamar a atención sobre a manipulación informativa, o desmantelamento dos medios públicos e as dificultades crecentes para desenvolver o traballo con criterios profesionais.

Esta loita do persoal, sen precedentes nos medios públicos galegos, conseguiu popularizar entre a cidadanía reclamacións básicas para a deontoloxía profesional e a liberdade de intormación, como a necesidade de traballar sen presións externas, a defensa do público ou a creación dun Consello de Informativos. Defende A Galega converteuse no símbolo dunha pelexa pacífica e tenaz que desborda os límites da televisión e da radio públicas e que debera involucrar non só a toda a profesión xornalística senón ao conxunto da sociedade galega.

Ao longo destes meses, Defende A Galega realizou numerosas mobilizacións que inclúen a manifestación Pola dignidade dos medios públicos o 8 de setembro do ano pasado, paros parciais en varias xornadas de novembro e decembro ou unha folga de 24 horas o pasado 19 de decembro. Nese tempo, a Comisión de Regulamento do Consello de Administración da CRTVG puxo en marcha o debate sobre a creación do Estatuto Profesional e o Consello de Informativos que dispón a Lei de Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia, pero tamén se produciron expedientes e desprazamentos de traballadores críticos que foron vistos como represalias ao labor reivindicativo de Defende A Galega.

Defende A Galega sumase así á lista de gañadores do Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Ali Lmrabet (2005); Le Monde Diplomatique (2006); Jon Lee Anderson (2007); José Vidal – Beneyto (2008); Rosa María Calaf (2009); Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010); WikiLeaks (2011); o Consejo de Informativos da RTVE (2012); Mónica García Prieto (2013), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Jordi Évole (2015), Miguel Ángel Aguilar (2016), Xosé Hermida (2017) e Julia Otero (2018) foron ata agora os galardoados coa estatuiña das ‘Ás Ceibes’.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente.

Sé el primero en comentar

Dejar una contestacion

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.


*


Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.