Cultural, Entrevistas, Portada — 23 enero, 2014 a las 19:08

“Eu non comprendo o aburrimento”. Entrevista a Mercedes Leobalde

Por

Chamádeme Eva

Mercedes Leobalde García (A Coruña, 1967). Licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa, actualmente traballa como tradutora-intérprete da Administración de Xustiza. Recentemente presentou en Santiago de Compostela, na libraría de mulleres Lila de Lilith, o poemario erótico ‘Chamádeme Eva’ co que gañou o  VIII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas. 

Segundo Antía Otero, a obra de Mercedes vai “elaborando un edificio poético con un fío narrativo”, e expresa a “liberdade do eu poético”. Durante a presentación que se levou a cabo na libraría as verbas que verteu Antía foron de alabanza, recomendando un “libro ben político, que se posiciona dunha maneira férrea e conta con un discurso potente”. 

P: ‘Chamádeme Eva é o teu primeiro poemario, o proceso creativo da poesía é moi diferente ao da narrativa?

R: No impulso que as motiva non, colles un papel e escribes por unha vontade ou unha necesidade de expresar algo, de plasmalo en palabras. A partir de aí comezan as diferenzas. Na narrativa contas historias, creas personaxes, predomina a acción e as palabras úsanse polo xeral nos seus significados habituais. Na lírica, aínda que tamén podes inventar personaxes e contar accións, o certo é que moitas veces non hai tal, só un xogo continuo coa linguaxe, estirando as palabras e os significados ata onde dean de si. Na narrativa eu digo “nube” e enténdese “nube”; nun poema, “nube” pode significar algo ben distinto, porque a lírica xoga coas connotacións, suxire, evoca. Creo que esa é a diferenza fundamental.

P: ‘Chamádeme Eva’ consta de catro partes que articulan unha historia, por que esa división?

R: O poemario, como ben dis, lido de principio a fin conta unha historia. As catro partes correspóndense coas distintas fases na evolución de Eva en relación co amor e co sexo. Teñen tamén distintas tonalidades, luminosa nas dúas primeiras, agrisada na terceira e máis escura aínda na cuarta.

P: Nas dúas primeiras partes do poemario hai un forte contido erótico. Pensas que hoxe en día, nunha sociedade hipersexualizada, perdemos o sentido do sensual e do erótico?

R: Para min o erotismo está bastante repartido ao longo do poemario, non creo que se concentre na primeira metade. Quizais nas dúas últimas partes sexa un erotismo distinto, pero está igualmente presente.

Non estou segura de que a sociedade na que vivimos estea hipersexualizada, iso é algo propio das series que nos están chegando dos Estados Unidos nos últimos tempos, pero non sei ata que punto se corresponde coa realidade social de alí e non creo que teña moito que ver en xeral coa nosa. O tipo de relación emocional/sexual proposto por esas series non me parece un avance nin un exemplo liberador en absoluto, ese “aquí te pillo, aquí te mato” tan frecuente na pantalla, o usar o sexo como moeda de cambio ou como ferramenta de chantaxe emocional, o saltar con certa ansiedade de parella en parella… Encontro todo iso demasiado estresante e en absoluto liberador. A liberación sexual está por facer, irá da man das mulleres e require de cambios nas estruturas sociais e sobre todo nas mentalidades. O das series non deixa de ser un pouco absurdo, un non afondar en nada, nin sequera no que un mesmo desexa ou no que desexa a outra persoa. As présas! As présas son totalmente contrarias ao erotismo.

P: Que pensas do éxito de libros como a triloxía de ’50 Sombras de Grey’?

R: Non teño nada en contra, como norma xeral está ben que a xente lea (coa excepción dos “libros” tipo Belén Esteban, que poden chegar a best sellers pero teñen tanto que ver coa literatura coma o alpinismo e ata deben ser nocivos para o cerebro). Sobre Grey, pouco máis podo opinar porque nin lin os libros nin me chama facelo, teño centos antes na lista de pendentes.

P: Podía ser María, Ana, Clara, Lorena… pero é Eva, por que ese nome?

R: Ana ou Lorena serían mulleres concretas. Evas somos todas. Mulleres que fan o que queren (sexa comer unha mazá ou calquera outra cousa que lles apeteza ou precisen) e que son consideradas por iso pecadoras e merecentes de castigo.

P: Con ‘Chamádeme Eva gañaches o premio do VIII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, pero non é o primeiro premio que recibes, cal é o que recordas con máis cariño?

R: Cando me chamaron para comunicarme que era segunda no Fole fíxome moita ilusión, foi dalgún xeito o primeiro recoñecemento público. Pero como “cariño”, este, o Illas Sisargas, porque levaba aparellada a publicación e tivo por iso outras implicacións.

P: Participaches no 2011 nun obradoiro de escritura de Antía Otero. Iso fixo que decidiras participar en concursos literarios?

R: Fixen dous obradoiros con Antía e despois outros con Yolanda Castaño e Dores Tembrás, e en todos eles desfrutei moito e aprendín aínda máis. Antía animounos a presentarnos a concursos, si, e a intentar publicar, cousa que eu anteriormente non considerara.

Mercedes Leobalde na libraría Lila de Lillith de Santiago de Compostela

Mercedes Leobalde na libraría Lila de Lillith de Santiago de Compostela – Foto: Facebook

P: A pesar da crise e do boom do libro electrónico seguen abrindo librarías. Un sinal de optimismo para un sector que perdeu moito nos últimos anos?

R: Descoñecía este dato, pero alégrome. O formato electrónico está ben, pero ter un libro nas mans é unha sensación diferente á que non querería renunciar. E explorar con calma unha librería, ver as novidades, poder follear os libros e marchar para a casa cun lotiño deles segue sendo un auténtico pracer que internet non ofrece.

P: Tes libro electrónico?

R: Teño, si, un moi xeitoso con luz na pantalla, moi práctico para levar no bolso a calquera parte e sobre todo para ler pola noite en cuartos compartidos. Foi un agasallo que me encantou.

P: Na literatura galega a autoedición é aínda moi marxinal pero en Estados Unidos e Reino Unido é bastante popular, incluso no territorio español empezan a darse casos. Pensaches nalgún momento nesa alternativa para difundir a túa obra?

R: É que eu nunca pensara en publicar, nin dun xeito nin doutro, de feito nunca enviei nada a ningunha editorial. É posible que isto cambie no futuro, ou non, tampouco é algo que me agobie. A publicación no meu caso chegou como un “efecto secundario” dun premio ao que concorrín sen pensar demasiado nestas cousas. A autoedición paréceme unha opción moi boa para quen desexe divulgar a súa obra á marxe das editoriais, sen intermediarios.

P: No teu Twitter afirmas que non te aburres, que non eres capaz. Que fas para combater o aburrimento?

R: Si, non acabo de entender que a xente se queixe de que se aburre, coa cantidade de cousas que se poden facer! Sempre hai algo, unha película, un libro, internet, un programa de radio, un xogo, a música, un paseo, un café con amigos… Se levas un libro contigo, non te aburres aínda que teñas que agardar dúas horas no médico. E incluso se a situación non se presta para ler cabe a posibilidade de evadirse pensando no que a unha lle interesa, non? Non, eu non comprendo o aburrimento.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.