Engadir o nome de Rosalía de Castro ao aeroporto de Lavacolla costará 50.000 euros

Por

O Consorcio de Santiago financiará o cambio de nome do aeroporto de Lavacolla polo de “Rosalía de Castro” con 50.000 euros 

Antigo edificio da terminal

O Consorcio de Santiago celebrou esta mañá a súa Comisión Executiva, presidida polo alcalde da cidade e presidente do organismo interadministrativo, Martiño Noriega. Na xuntanza aprobáronse varios asuntos de trámite ordinario. E, ademais, avanzouse nas principais liñas e proxectos que integrarán o presuposto do vindeiro ano, contando coas mesmas aportacións que as do presente exercicio por parte das tres Administracións, que suman un importe global lixeiramente superior aos 9 millóns de euros, aínda que debe ser aprobado no Consello de Administración de decembro.

 

Na Comisión Executiva deuse conta de que, por acordo das tres Administracións, o Consorcio de Santiago será o organismo encargado de financiar o cambio de denominación do aeroporto compostelá de Lavacolla ao de Lavacolla-Rosalía de Castro. A aportación para este fin, centrado na substitución e adaptación de toda a sinaléctica, será duns 50.000 euros. E agárdase que este cambio comece a facerse efectivo a principios do vindeiro ano.

Ampliación do Museo do Pobo Galego

No apartado de investimentos e dentro dos seus obxectivos de cara á celebración do Ano Santo 2021, o Consorcio ten previsto intervir na sede do Museo do Pobo Galego, no Conxunto de San Domingos de Bonaval. Trátase dunha actuación que, pola súa dimensión e calado, prolongarase nas vindeiras anualidades.

 

A actuación centrarase na ampliación do Museo, recuperando a ala sur do conxunto conventual e o xardín situado ao pé da súa fachada. Así mesmo, o Consorcio comezará a traballar na musealización do futuro espazo expositivo, mediante a subscrición dun convenio coa entidade xestora do museo que permita avanzar neste aspecto. Esta primeira actuación ascenderá a preto de 400.000 euros.

 

O reto da rehabilitación e a adecuación para usos de oficinas, talleres e exposicións do Museo do Pobo Galego, da zona que ocupou o Colexio de Xordos dende 1864 ata tempos recentes, no extremo da ala sur, suporá un investimento global que roldará os 2 millóns de euros ata o Ano Santo 2021, o que permitirá ademais a súa apertura ao público.

 

Tal como salientou o alcalde, “hai unha aposta decidida do Consorcio de Santiago polo Museo do Pobo Galego, por convertelo no museo de Galicia”. Coincidindo co vindeiro Ano Santo, o Museo aproximarase ao 45 aniversario da súa creación.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*