Actualidad, Cultura, Portada, Teatro — 14 Julio, 2017 a las 18:10

Divinas Palabras de Valle -Inclán será a nova obra do Centro Dramático Galego (CDG)

Por

O Centro Dramático Galego continuará afondando na obra do autor do esperpento

O espectáculo será un dos eixos centrais da temporada 2017-2018 da compañía pública, que será presentada á volta do verán

Ademais da súa representación en Galicia, o CDG levará este gran clásico da literatura dramática ao Teatro Español de Madrid, cunha decena de funcións en maio

A Consellería de Cultura e Educación aposta por seguir incorporando ao repertorio teatral en galego os textos do gran autor arousán, do que nestes momentos se representa ‘Martes de Carnaval’

 

O Centro Dramático Galego (CDG) continuará afondando na obra de Valle-Inclán na súa próxima temporada escénica, durante a que levará a cabo a produción de Divinas palabras, un dos grandes clásicos teatrais do autor arousán. Tanto os detalles deste novo espectáculo como do resto da programación que a compañía pública desenvolverá no período 2017-2018 daranse a coñecer na presentación pública que terá lugar á volta do verán.

Esta será a primeira versión en galego de Divinas palabras, coa que a Consellería de Cultura e Educación aposta por seguir incorporando os textos de Ramón María del Valle-Inclán ao repertorio teatral no noso idioma unha vez liberados os dereitos sobre a súa obra. Este título sumarase, pois, aos das dúas pezas que conforman o espectáculo Martes de Carnaval (As galas do defunto e A filla do capitán), que o Centro Dramático Galego  está a representar e que rematará o seu período de exhibición o 16 de xullo no Salón Teatro de Santiago.

Do mesmo xeito que en Martes de Carnaval, o novo proxecto do Centro Dramático Galego rastrexará a vixencia das palabras de Valle, sempre na procura dun imaxinario contemporáneo. Ademais, coa posta en escena de Divinas palabras en galego saldarase unha débeda coa primeira directiva da compañía institucional que, no momento da súa fundación hai 33 anos, non puido levar a cabo este proxecto ao non dispoñer dos dereitos para a tradución da obra.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*