Día de Rosalía de Castro en Santiago de Compostela

 

Rosalía de Castro
Rosalía de Castro

Agrupación Cultural O Galo colabora coa Asociación de Escritores en Lingua Galega e a Asociación Cultural Musical Solfa e outras entidades na organización dunha variada programación polo Día de Rosalía de Castro en Santiago de Compostela. O programa de actos comezará mañá, sábado 22 e desenvolverase ata o mércores 26 en distintos lugares da cidade. As actividades son todas abertas e de balde e desde as entidades organizadoras convidan a todos os cidadáns a asistir e participar nas mesmas.  
O sábado 22 os actos serán na Praza de Vigo e comezarán ás 11.00h coa lectura de textos de Rosalía e unha ofrenda floral. A continuación, de 11.30 a 13.30h, realizarase un Roteiro Rosaliano por Compostela guiado por Mercedes Espiño. Todos os interesados en participar na lectura de poemas poden facéndoo poñéndose en contacto coas entidades organizadoras.
O domingo 23 celebrarase o Acto Central de Homenaxe no Panteón de Galegos Ilustres e tamén haberá unha lectura pública da obra de Rosalía de Castro. 
Xa o luns 24, Día propio de Rosalía de Castro, será o groso das actividades. Durante todo o día estarán en marcha diversas campañas: ‘Agasalla un libro en galego e unha flor’ para que os cidadáns se animen a mercar obra en galego e agasallala; o Graffiti Rosalía, organizado pola AELG e dirixido a que os centros de ensino adecenten os seus muros con versos da nosa autora; e #euRosalía, acción colectiva en Internet promovida pola Fundación Rosalía de Castro, que anima a sacar unha autofoto con calquera cousa relacionada con Rosalía de Castro e subila ás distintas redes sociais utilizando esa etiqueta.
Ademais, o mesmo luns ás 10.30h partirá de Porta Faxeira unha comitiva formada por membros da Fundación Rosalía de Castro e do Concello de Compostela acompañados de gaiteiros para facer unha ofrenda floral na Praza de Vigo. E remata o día cun acto ás 19.00h na Casa Museo de Rosalía de Castro en Padrón coa presentación de ‘De Cantares Hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no Século XXI’.
O mércores 26 será o último día de actividades cunha conferencia ás 20.00h na Libraría Couceiro organizada pola Sociedade Cultural Medulio de Ferrol e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega. Baixo o nome de ‘A reivindicación feminista e da lingua nos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro’ estará a cargo de Goretti Sanmartín e Carmen Fernández-Pérez Sanjulián.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.