Cristina García Rodero nova académica da Real Academia Galega de Belas Artes

Cristina García Rodero, academica de honra da Real Academia Galega de Belas Artes

A fotógrafa Cristina García Rodero ingresa na Real Academia Galega de Belas Artes como académica de honra

A institución puxo en valor a formación, talento e traxectoria. Ademáis de considerar a seu vencello a Galicia, da que retratou a súa paisaxe e cultura durante máis de vinte anos

A fotógrafa Cristina García Rodero (Puertollano-Ciudad Real, 1949) ingresou esta mañá na Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) como nova académica de honra da institución. O acto, que se celebrou no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), en Santiago de Compostela, estivo presidido polo titular da entidade, Manuel Quintana Martelo.

O presidente da Academia salientou que Cristina García Rodero é académica electa da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, a primeira fotógrafa de nacionalidade española integrante da prestixiosa axencia Magnum Photos, Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes, licenciada pola Universidad Complutense de Madrid, cun gran número de premios nacionais e estranxeiros. Loou ademais “a súa presenza en museos e centros de arte de todo o mundo, unha longa traxectoria profesional e tantos outros méritos no seu currículo”.

Quintana Martelo referiuse a Cristina García Rodero como “unha muller extraordinaria, unha fotógrafa de cuxo traballo son admirador desde hai moitos anos, muller dunha ollada persoal, coa capacidade de poñer a cámara alá onde moitos outros non se achegan”. Así mesmo, destacou o seu vínculo, tanto persoal como profesional, con Galicia, a súa paisaxe e a cultura humana. “Tan clásica e profunda, retratou nas súas xiras galegas feitos que xa son cotiáns e nos que pode percibir, sempre, a cálida acollida deste terra e da súa xente” -remarcou-.

Desde os comezos da súa traxectoria como fotógrafa documental, Cristina García Rodero percorreu as festas de España durante máis de vinte anos, sendo Galicia un dos lugares onde máis traballou e ao que lle dedicou especial atención, converténdose así a comunidade galega nun referente na súa obra creativa.

No ano 2010 o CGAC organizou unha exposición onde se recompilaba toda a súa obra vencellada a Galicia, en colaboración co Círculo de Bellas Artes de Madrid, editándose o libro/catálogo Transtempo, con textos de Manuel Rivas, unha obra de referencia para comprender a súa traxectoria fotográfica.

O presidente declarou que “Cristina García Rodero pasa a engrosar a nómina de membros de Honra da Real Academia Galega de Belas Artes, todos eles nomes de relevancia nas distintas especialidades no ámbito da cultura. Énchenos de orgullo e sabemos, de certo, que ela recibiu o noso nomeamento para pasar a formar parte da historia da nosa institución chea de ledicia e felicidade”.

Durante o acto realizouse un percorrido visual pola traxectoria da fotógrafa, a través das súas instantáneas

No transcurso do acto realizouse un percorrido visual pola traxectoria da fotógrafa, a través das súas instantáneas, “unha obra chea dunha intensidade que atrapa, cun poder de impacto tan substancial que non podemos permanecer impasibles ante a súa contemplación” -sinalou o presidente da Academia-. Quintana Martelo indicou que “a súa obra para min é tan profundamente plástica que me resulta imposible non deixarme absorber polos seus contidos, pola súa composición, pola súa creatividade, por ese poder, case máxico, que fai que un se pregunte en cada unha das imaxes como é posible captar ese momento, dando a impresión que todo elemento que comporta o seu plano fotográfico, que entra polo seu visor, mesmo parece colocado, disposto e organizado nun manexo do feito como de igual xeito un director de orquestra dirixe os seus músicos”.

A nova académica aceptou “la enorme y gratificante responsabilidad de defender las artes gallegas”

A homenaxeda amosouse “muy honrada” pola elección da Real Academia Galega de Belas Artes e aceptou “la enorme y gratificante responsabilidad de defender las artes gallegas como académica”.

Cristina García Rodero foi profesora de fotografía na Universidad Complutense de Madrid. Foi Premio Planeta de fotografía (1985), primeiro premio World Press Photo na categoría de Arte (1993), Premio Nacional de Fotografía do Ministerio de Cultura (1996) e Medalla de Oro al Mérito en las Bellas Artes (2005), entre outros moitos recoñecementos nacionais e internacionais en Francia, Alemaña, Estados Unidos, Cuba….

A súa obra expúxose en España no Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, en Madrid; Instituto Valenciano de Arte Modero (IVAM); Museo das Peregrinacións, en Santiago de Compostela; MUSAC, en León; na Fundación Banesto e no Centro de Arte de Alcobendas, en Madrid; ademais de en moitos museos de Estados Unidos e doutros países de Europa e América. No ano 2018 inaugurouse un museo en Puertollano, a súa vila natal, dedicado á súa obra fotográfica.

Sé el primero en comentar

Dejar una contestacion

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.


*


Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.