Catro compañías da USC e unha da UDC, no 17º Encontro Universitario de Danza

A décimo sétima edición do Encontro Universitario de Danza (EUD) presentará os días 1 e 2 de abril no Teatro Principal as producións propias de cinco compañías de danza. Ás catro da USC -DanzaUSCompostela, DanzaUSC-Lugo, ‘Sen Vergoña’ e Schattenidentitäten- que naceron ao abeiro do Espazo de Danza da USC baixo a dirección de Juan Carlos Zahera únese a Aula de Danza da Universidade de A Coruña. A entrada ás funcións é libre e gratuíta ata completar aforo.

O EUD é unha das actividades máis destacables e visibles do Espazo de Danza da USC. Estes foros artísticos promovidos para favorecer o intercambio cultural a través da danza e para achegar esta disciplina a toda a sociedade posibilitaron que compañías universitarias de danza procedentes de Francia, Portugal, Lituania, Reino Unido, Italia, México, Porto Rico ou Colombia presentaran as súas propostas nos distintos campus da USC.

Dezasete anos despois da primeira edición dos EUD na USC, esta modalidade de expresión artística ten acadado unha dimensión transversal entre os membros da comunidade universitaria. “A creación e permanencia ao longo dos anos de dúas compañías propias nos campus de Lugo e de Santiago, así como a evolución de Schattenidentitäten, nada ao abrigo da USC que agora comeza a súa andaina de xeito independente, ou a máis recente pero xa consolidada posta en marcha da compañía Sen Vergoña dan mostra das fondas raíces trenzadas pola danza na USC”, explica Zahera.

Programa
A Compañía danza USCompostela abrirá o luns 1 de abril ás 20.30 horas o programa de representacións coa obra O solticio de Piazzola, unha nova produción da formación compostelá coreografiada por Xiana Vilas. A continuación presentarase ao público compostelán a Compañía da Aula de Danza da Universidade de Coruña coa obra ACCIÓNS, coreografiada por Rut Balbís. Metamorfose é o titulo da coreografía que completa o programa da primeira xornada, realizada por alumnado da Fundación Down xunto coa compañía USCompostela.

O segundo día de programación comezará coa nova compañía independente Schattenidentitäten, que presentará All the world’s a stage, interpretada e corografiada por Xina Menrad e José Vera. Esta producción nace do programa anual da Área de Cultura de axudas á creación e proxectos das distintas agrupacións independentes de Danza e Teatro que convoca a Vicerreitoría de Comunicación, Cultura e Servizos.

A continuación, a Compañía danzaUSC-Lugo presentará súa nova produción Permeables, coreografiada por Rosa Acuña, e para rematar a xornada de novo actuará danzaUSCompostela.
 
Mostra fotográfica
Paralelamente ao Encontro, o Claustro alto do Colexio de Fonseca acubillará do 1 ao 10 de abril a mostra conmemorativa do XX aniversario do Espazo de Danza ‘20 anos non son nada’ da fotógrafa luguesa Chus Varela, con imaxes de bailaríns, mestres e coreógrafos que pasaron polo Espazo de Danza.

A idea do proxecto, xurdido en 2016, “era que non se tratase de fotografías meramente testemuñais, senón que ademais de visualizar o traballo do Espazo de Danza as fotos tivesen un valor artístico en si mesmas”, asegura a autora. Así, botando man de materiais tan dispares como terra, auga, plástico, fariña e lume “cambiamos o estudio por escenarios naturais coma As Médulas ou exteriores, corredores e edificios da USC coma a Igrexa ou distintas facultades”.

Espazo de Danza da USC
O Espazo de Danza da USC foi unha iniciativa pioneira na universidade española e concibida como xermolo dun laboratorio de danza contemporánea que, dúas décadas despois, presenta no seu currículo a produción de 40 montaxes coreográficas, máis de 300 actuacións e intervencións e a presenza en mais dun centenar de festivais, seminarios, mostras, exposicións e reunións científicas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.