Agenda, Cultura, Portada — 5 septiembre, 2018 a las 19:59

Catro artistas galegas participarán nas residencias artísticas do proxecto europeo Wom@rts

Por

Mery Pais, Teresa Búa, Xulia Vicente e Haya Blanco son as creadoras seleccionas polo Auditorio de Galicia para participaren nesta iniciativa a prol dunha maior presenza das mulleres nas artes.
Wom@rts é un proxecto de ámbito europeo liderado polo Auditorio e financiado polo Programa Europa Creativa da UE.

 

Máis de 30 artistas europeas foron convocadas a participar nas residencias artísticas que o proxecto Wom@rts desenvolverá do 10 de setembro ao 24 de outubro nas cidades de Avilés (España), Angoulême (Francia) e Limerick, (Irlanda). Entre elas, cóntanse catro creadoras galegas: Mery Pais (Santiago de Compostela, 1990), Teresa Búa (Muxía, 1991), Xulia Vicente (Cariño, 1993) e Haya Blanco (Santiago de Compostela, 1984).
Entre 2019 e 2020, as obras resultantes das residencias serán incluídas nunha exhibición itinerante e transmedia titulada ‘O Segundo Sexo’, en homenaxe ao coñecido ensaio de Simone de Beauvoir no 70 aniversario da súa primeira publicación. A exposición chegará ao Auditorio de Galicia a finais do 2019.

A iniciativa foi presentada esta mañá na Casa do Concello nunha rolda de prensa na que participaron a concelleira de Acción Cultural Branca Novoneyra, o director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López, e tres das artistas participantes en Wom@rts, as creadoras Mery Pais, Teresa Búa e Haya Blanco.

Branca Novoneyra puxo en valor o carácter ambicioso e ilusionante deste proxecto que vai máis alá de denunciar a situación de desigualdade das mulleres nas artes e procura xerar espazos e accións reais para mellorar a súa visibilidade e recoñecemento na contorna artística, fornecéndoas de mecanismos para partillar o seu traballo, foros de creación para dar lugar a novas obras e plataformas para a súa distribución.

Na mesma liña, o director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López, insistiu na necesidade de reivindicar e visibilizar o papel activo das mulleres nas artes, como creadoras e distribuidoras de cultura, e lonxe de posicionamentos que as relegan a obxectos de representación e inspiración.

Wom@rts é un proxecto plurianual de cooperación financiado polo programa Europa Creativa, que procura pór en valor e fomentar a creatividade das mulleres dende unha perspectiva intersectorial. Dirixido polo Auditorio de Galicia, desenvólvese entre 2017 e 2021, e nel participan diferentes organizacións públicas e privadas sen ánimo de lucro, como a Fundación Municipal de Cultura do Concello de Avilés, a rede escandinava WIFT (Mulleres en Cinema e Televisión), o Concello de Vilnius (Lituania), o Centro Audiovisual Simone de Beauvoir e a Communauté d’Agglomération du Grand Angoulême (Francia), a Escola Limerick de Artes e Deseño (Limerick Institute of Technology, Irlanda), o Hay Festival de Literatura e Artes (Reino Unido), a Academia Universitaria de Artes Aplicadas en Rijeka (Croacia), e o museo UGM Maribor (Eslovenia).

Artistas galegas en Wom@rts

  • Mery Pais (Santiago de Compostela, 1990)
    Graduada en Belas Artes polo Institut National Des Beaux Arts (INBA, Tetuán, Marrocos), mestrada en Arte Contemporánea pola Universidade de Vigo, e doutoranda en Estudos feministas e de xénero na Universidade Complutense de Madrid, esta artista multidisciplinar recibiu en 2015 o Primeiro Premio Auditorio de Galicia para Novos Artistas. Nas súas obras investiga a relación entre España e Marrocos dun modo artístico, por medio da súa experiencia vital. Os seus traballos reflicten, así, as súas preocupacións, serven de análise da alteridade e, a través de medios diversos como a vídeo-arte, a fotografía ou a instalación, abordan temas como a migración, a identidade cultural ou os prexuízos existentes entre ambos países. Nas súas obras, Pais, busca abrir unha vía á reflexión, crear intercambios de ideas, visibilizar relatos e persoas concretas e aproximarse aos elementos que achegan a ambas culturas.
    Mery Pais tomará parte na residencia para Artistas dixitais emerxentes: novos medios, fotografía e vídeo que se desenvolverá en Avilés a partir do 10 de setembro.
  • Teresa Búa (Muxía, 1991)
    Artista multidisciplinar, formouse en Belas Artes na Universidade de Vigo, ampliou a súa formación na Kingston University de Londres grazas a unha bolsa Erasus e na Universidade Politécnica de Valencia grazas ao programa SICUE. Na actualidade, cursa o Mestrado Universitario en Deseño e Dirección Creativa en Moda na Universidade de Vigo e colabora como fotógrafa en medios impresos como La Voz de Galicia . Recibiu numerosos premios polo seu labor, o Primeiro Premio do XIII Concurso Fotográfico Xosé Manuel Eiris (2011), o Primeiro premio do XIII Certame de Artes Plásticas da Deputación de Ourense (2015) ou o Primeiro Premio no XXIV Certame de Deseñadores Noveis da XXVII Mostra do Encaixe de Camariñas (2017) . Teresa Búa é autora dunha exposición individual titulada Novos Horizontes, realizada en Muxía e Fisterra entre 2011 e 2012 e participou en numerosas exposicións colectivas. Entre as máis recentes, destacan 42°18’ de latitude e 08°37’ de lonxitude, no Sinsal Festival ou o X Premio Internacional de Arte Gráfica da Deputación da Coruña (ambas en 2017), a mostra Tecido cru II, exposta na Casa galega da cultura de Vigo e a Igrexa da USC Santiago de Compostela (entre 2016 e 2017) ou o proxecto Parallaxes, exhibido na Nolia ́s Gallery de Londres en 2012.
    Teresa Búa tomará parte na residencia para Artistas dixitais emerxentes: novos medios, fotografía e vídeo que se desenvolverá en Avilés a partir do 10 de setembro.
  • Xulia Vicente (Cariño, 1993)
    Ilustradora e autora de banda deseñada, tras rematar o bacharelato artístico na Coruña, trasládase a Valencia a cursar o grado de Belas Artes, que finaliza en 2015. Ese mesmo ano, publica a súa primeira novela gráfica, Anna Dédalus: El misterio de la mansión quemada (Andana Editorial), escrita polo tamén debuxante Miguel Anxo Giner Bou e que Xulia Vicente ilustra en colaboración con Núria Tamarit. Xuntas publican en 2016 o seu primeiro cómic Duerme Pueblo (Ediciones La Cúpula). A este, seguirán Ari, Cazador de Dragones, xunto a Miguel Gutiérrez (Sallybooks, 2016), Llampuga, llampega, en colaboración con Miquel Puig (Andaina Editorial, 2017) e os volumes colectivos Licor Café (Demo Editorial, 2017) e Voltio #3 (Ediciones La Cúpula, 2017) . Vicente colabora asiduamente con diversas publicacións e fanzines como Jot Down , Xiulit #35, Arrós Negre #5, ,Oiga Mire Mañana, Sacoponcho ou Nimio e participou en numerosas exhibicións como a Spirit of the Wind, a Ghibli tribute show na Rothick Art Haus (California EUA, 2015), a B-isual, no Festival Cara-B (Barcelona, 2016), a mostra Il-lustre Anecdotari, organizada pola APIV (Associació de Professionals de la Il·lustració Valenciana) na Feira do Libro de Valencia en 2017 ou a exhibición Hijjas de Alice Guy, no Festival de Cinema de Alcalá de Henares nese mesmo ano.
    O seu traballo fíxoa merecedora de diversos premios entre os que se contan o Primeiro Premio no Certame de Banda Deseñada Benito Losada (Ourense, 2013) o Primeiro Premio no concurso de cómics de Benimaclet (Valencia, 2013) e o Primeiro Premio do Concurso de Banda Deseñada Xuventude Crea en 2014.
    A artista tomará parte na residencia para Debuxantes de banda deseñada e ilustradoras que se desenvolverá na cidade de Angoulême a partir do 24 de setembro.
  • Haya Blanco (Santiago de Compostela, 1984)
    Formada en Belas Artes na Universidade de Salamanca e na Universidade de Pontevedra, esta artista compostelá residiu en Berlín durante tres anos e traballou en GlogauAIR -Artistas en Residencia- grazas a unha bolsa Leonardo da Vinci, e en Culturia – Artistas en Residencia- cunha bolsa Erasmus para mozos emprendedores. Neste período comezou a escribir e ilustrar libros infantís. Voltou a Galiza en setembro de 2014 para centrarse no seu traballo pictórico e dende aquela reside en Santiago de Compostela. En decembro de 2016 montou o seu propio taller de estampación e creou a súa marca de moda sostible Toupa Monstro. Actualmente compaxina o Mestrado de Profesorado en Secundaria na Universidade de Vigo co seu traballo artístico. Ten participado en numerosas exposición individuais e colectivas por toda Galicia e entre as súas publicacións dixitais destacan Manchito (2012) e Mazapán (2013), ambas dispoñibles na Apple Store.
    Haya Blanco tomará parte na residencia para Artistas gravadoras e estampadoras que se desenvolverá na cidade irlandesa de Limerick do 15 ao 24 de outubro.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*