Avaliación pericial en casos de violencia contra a muller

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia organiza unha xornada para actualizar coñecementos na avaliación pericial en supostos de violencia contra a muller nas relacións de parella, dentro do ámbito penal. A actividade terá lugar mañá, sábado 29 de outubro na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela ao longo de todo o día. 

Claustro de Fonseca. (USC) Santiago de Compostela
Claustro de Fonseca. (USC) Santiago de Compostela

 Pártese da premisa de que aínda que a práctica da psicoloxía clínica e a da psicoloxía forense poidan compartir certos elementos comúns, estes eidos profesionais non son equiparables. Os obxectivos que se procuran e as consecuencias que se derivan en cada un deles son claramente diferentes. 

 Con este obradoiro preténdese, non só coñecer as habilidades básicas para deseñar un proceso de avaliación psicolóxica dentro do contexto forense específico- a violencia contra a muller nas relacións de parella dende a óptica do ámbito penal; senón tamén a transmisión de coñecementos e habilidades periciais derivadas dos datos da investigación científica e da man da dilatada experiencia práctica do relator convidado.

 A docencia do obradoiro correrá a cargo de José Manuel Muñoz Vicente, altamente coñecedor deste ámbito non só polo seu desempeño profesional como psicólogo forense do Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade de Madrid, senón tamén polas funcións de xestión que desenvolve como coordinador da Sección de Psicoloxía Xurídica do Colegio Oficial de Psicólogos de Madrid ou como co-director do curso de Especialista en Psicoloxía Forense do mesmo colexio. José Manuel Muñoz Vicente tamén é autor de numerosos artigos e publicacións no eido da psicoloxía xurídica e forense. 

 O obradoiro “A avaliación pericial psicolóxica en supostos de violencia contra a muller nas relacións de parella: ámbito penal” está deseñado como parte do proxecto anual de formación da Sección de Psicoloxía Xurídica do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e vai dirixido a todos aqueles profesionais psicólogos e psicólogas que leven a cabo intervencións forenses, e especialmente para quen desexe aproximarse a este eido. 

Sé el primero en comentar

Dejar una contestacion

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.


*


Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.