Cultura, Danza, Portada — 2 diciembre, 2016 a las 4:01

“As catro estacións” do Centro Coreográfico de Galicia pecha a xira en Santiago

Por

As coreografías de Iker Gómez e Kenneth Tindall acompáñanse de proxeccións de imaxes nesta recreación en clave contemporánea da composición de Vivaldi, que poderá verse no Salón Teatro deste mañá xoves e ata o sábado

Mercedes Suárez dirixiu esta produción propia do CCG, que establece un paralelismo coa riqueza da paisaxe galega nas distintas épocas do ano

unnamed-3

                                                                                      Foto. Manuel Lemos

O Salón Teatro de Santiago acolle esta semana o remate da xira de 2016 de ‘As catro estacións’, espectáculo do Centro Coreográfico Galego (CCG) que ofrece as súas tres últimas funcións neste espazo compostelán o xoves 1, o venres 2 e o sábado 3 de decembro, ás 20.30 horas.

A través das coreografías creadas especificamente por Iker Gómez e Kenneth Tindall, esta produción propia da compañía pública achégalles aos espectadores a súa recreación en clave contemporánea da famosa composición clásica de Antonio Vivaldi. A responsable do Centro Coreográfico Galego, Mercedes Suárez, asumiu tamén a dirección desta montaxe, coa que se busca continuar a difundir a danza entre o gran público. Neste caso, establécese un paralelismo coa paisaxe galega a través das coreografías contemporáneas e do onirismo das imaxes que se proxectan no escenario.
Equipo artístico

As bailarinas Ailén Ramos, Inés Vieites, Elena Roses e Raquel Santacruz, e os bailaríns Juan Miguel Hernández, Víctor Molina, Pastor R. Feal e Pablo Aradillas conforman o elenco seleccionado a través dunha convocatoria pública de audicións. O corpo de baile preparou este espectáculo xunto aos creadores das catro coreografías que o integran: o director e videocreador vasco Iker Gómez, colaborador habitual no programa formativo do CCG e titular da súa propia compañía de danza; e mais o británico Kenneth Tindall, un dos valores emerxentes na creación coreográfica internacional, como demostra a súa recente designación nos Dance Awards Critics Circle.

Gómez asina as variacións de ‘Primavera’ e ‘Inverno’, en tanto que Tindall asumiu as de ‘Verán’ e ‘Outono’. Outros membros do equipo artístico son Christelle Horna como repetidora, Alberto Casas no deseño de luces, Antonio Cid no vídeo e Manuel Lemos no deseño e fotografía. Tanto o son do espectáculo como a produción e a realización do vestiario foron levadas a cabo polo persoal propio do Centro Coreográfico Galego.

Estreado o pasado mes de setembro en A Coruña, Santiago será a última parada na xira de 2016 de ‘As catro estacións’, que tamén puido verse en Vigo, Rianxo, Vilagarcía de Arousa, Ourense, O Barco de Valdeorras e Pontevedra.

Venda de entradas

As entradas para as funcións no Salón Teatro poden adquirirse de xeito anticipado na billeteira electrónica entradas.abanca.com, así como fisicamente no despacho de billetes desde mañá e ata o sábado, a partir das 18.30 horas.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.