Antonio Mourelos, actor: “Non vexo futuro nesta profesión”

P . O teu último traballo é a serie “El secreto de Puente Viejo”. Que tal dentro da pel de León?Antonio Mourelos

R. Pois en xeral ben, aínda que traballar nunha serie de emisión diaria faise, nalgúns momentos, especialmente duro. Non tes tempo para nada. Do plató a estudar e de estudar ao plató. Por outra parte dispós de moi pouco tempo para traballar as secuencias. De calquera xeito foi unha experiencia moi enriquecedora e o mellor de todo foi coñecer uns compañeiros e compañeiras de reparto realmente excepcionais.

P. De Santiago Táboas a León. Con cal dos dous te quedas?

R. Evidentemente cos dous, pero con quen me sentín máis cómodo foi co capitán Táboas. Síntome máis seguro e máis «protexido» traballando na miña terra, coa miña xente e no meu idioma. Con todo debo recoñecer que traballar con María Bouzas, Ramon Ibarra, Fernando Coronado, Jordi Coll,…foi máis que un pracer.

P. No reparto desta serie atópaste de novo con vellos coñecidos como María Bouzas ou Iago García. Como foi ese reencontro?

R. Con María, a pesar de que nos coñecemos desde hai máis de 20 anos, só traballaramos xuntos nunha secuencia de «Unha Muller Invisible», e coincidir con ela tantos días e en tantas secuencias, para min foi todo un luxo. María Bouzas é unha Dama con maiúsculas, unha profesional única.

Con Iago, desgraciadamente, só coincidín nunha secuencia. Iso si o pouco tempo libre que tiñamos, aproveitámolo, en camerinos, para falar e recordar vellos tempos.

P. Series como “Imperium” ou a propia “El secreto de Puente Viejo” fixeron da Antonio Mourelos unha cara coñecida a nivel nacional. Supón este feito un paso a diante na túa carreira?

R. Na miña carreira non o sei, supoño que si. A televisión fai que sexas «coñecido» mentres te mantés en antena, en canto deixas de aparecer, deixas de existir.

De calquera xeito, máis alá de ser coñecido a nivel nacional, a «Imperium» estoulle moi, moi agradecido por permitirme traballar de novo baixo as ordes de Carlos Sedes e ao lado de Elvira Mínguez, ou Lluis Homar, por darme a oportunidade de coñecer a amigos como Jesús Olmedo ou Fernando Andina e, sobre todo, por poder rodar en Roma nos míticos estudios de Cineccittá.

P. Tras ser profesor, actor de dobraxe, director, intérprete,…. Que che queda por probar dentro do audiovisual?

R. Gustaríame moito poder dirixir unha longametraxe. Tamén me chama o mundo da produción executiva aínda que, a estas alturas, xa me da igual no que traballe sempre que sexa neste mundillo.

Non concibo a miña vida fora do audiovisual, pero tamén é certo que xa empezo a sentir o cansanzo; erguerme ás 5:30 da maña e rematar algunhas veces ás 7 da tarde empeza a facérseme moi costa arriba; memorizar e reter ben os textos faise tamén cada vez máis difícil… Esta profesión é moito máis dura do que algAntonio Mourelosunha xente pensa.

P. Supoño que esta época de crise xeneralizada tamén se está a notar dentro do mundo da interpretación. Como se ve o futuro da profesión a curto prazo?

R. A curto prazo simplemente non vexo futuro. Así de directo e así de radical. En Galicia, para que ir máis lonxe, o sector agora mesmo está necesitando un plan de rescate, ou todo o que construímos nos últimos quince anos, vaise ir pola borda antes de quince meses. Contamos cos mellores técnicos, cos mellores intérpretes, grandísimos profesionais,.. e o problema é que a gran maioría están  no paro.

P. Fora do ámbito puramente profesional, como ves a situación político- social que nos asedia todos os días nos telexornais?

R. Supoño que como a ve calquera cidadán que sexa minimamente obxectivo e libre de influencias mediatizadas por fanatismos relixiosos, políticos, etc,… lamentable e indignante. Particularmente, servidor síntese continuamente insultado e absolutamente indefenso. Non sei se me explico.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.