Actualidad, Cultura, Portada — 30 junio, 2017 a las 16:12

Adro Vello no Grove descóbrese como un xacemento que ten moito que contar para o coñecemento

Por

 Investigadores de Vigo e Santiago descobren unha gran mostra de peixe de hai 1.700 anos e restos óseos de sete persoas en Adro Vello  

Adolfo Fernández (UVigo) e Olalla López (USC) lideraron a intervención no xacemento de O Grove

Co obxecto de estudar as piletas de salazón e as tumbas asociadas e entender cómo comezou o xacemento romano de Adro Vello, no Grove, considerado como unha das necrópoles máis importantes de Galicia, un equipo combinado das Universidades de Santiago e Vigo traballou estes días neste relevante xacemento no que non se realizaba ningún traballo arqueolóxico desde hai 17 anos.

Equipo de traballo

Adro Vello data da época romana, cunha pequena explotación salazoneira, ata o século XVII. Cando colapsa a explotación, a zona comeza a ser utilizada como necrópole cunha pequena igrexa asociada. É unha necrópole dun longo uso, máis de mil anos de soterramentos, asentada sobre as dunas da praia do Carreiro. 

 Pola súa dimensión e o seu estado de conservación, a mostra de peixe de hai 1.700 anos de antigüidade que agochaba o pilo número 1 do xacemento “pode ser un achado único”, asegura Adolfo Fernández, docente e investigador do Grupo de Estudos en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo (Geaat), que xunto á docente e investigadora do Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física da USC Olalla López e un grupo de sete investigadores das dúas universidades se encargou da dirección técnica da intervención na que tamén se localizaron os restos óseos de cando menos sete persoas: un recén nacido e tres nenos e outros tres adultos, de épocas que van dende o século V ou VI ata o XVII.

 “A conservación destes restos óseos é moi boa e a súa datación prolóngase durante un período moi longo de tempo”, explicou a antropóloga da USC, que se aventurou a asegurar que se continúan os traballos e seguen a aparecer restos humanos a este ritmo, Adro Vello podería confirmarse como unha das necrópoles máis grandes de Galicia.

Restos de recen nacido

“Queremos coñecer cómo eran as persoas de Adro Vello, cómo vivían, qué comían e cómo os enterraron e os achados de esqueletos infantís son especialmente importantes porque os nenos representan o sector da poboación máis fráxil “, explica Costas, que incorporará os resultados da escavación no seu proxecto de investigación ‘La paleodieta gallega/Galician paleodiet’ financiado pola Xunta de Galicia. “Esperamos que esta intervención sexa o inicio dunha serie de estudos científicos que permitan entender e musealizar o xacemento para que todos poidamos gozar desta necrópole excepcional algún día”, asegura.

Restos oseos

 

 

 

 

21 bolsas cheas de restos de peixe

Tras a limpeza da vexetación que cubría o xacemento e o baleirado dos recheos que ateigaban os catros pilos nos que se traballou do xacemento, comezou a escavación do primeiro deles onde se atopou unha grande cantidade de restos de peixe, que inclúen escamas e espiñas, coas que se encheron un total de 21 bolsas. “É peixe pequeno, aínda que non sabemos as especies, que se utilizaba para elaborar salsa”, explicou Adolfo Fernández, que asegurou que esta gran cantidade de restos permitirá realizar moitas investigacións sobre o tamaño, o tipo das especies, o seu ADN e a súa evolución. Restos de ostras e doutros moluscos completan os achados localizados nos pilos, cuxos morteiros tamén serán estudados para coñecer os detalles da súa construción.

Restos Peixe

A intervención arqueolóxica desenvolveuse ao longo dunha semana abeiro do proxecto de I+D Marie Curie Talent, financiado pola UE, Galtfish, Salt and fish salting in Ancient Gallaecia. Looking for the origins of the Galician canned fish industry, do Campus do Mar e que se centra no coñecemento da produción do sal e as salgaduras no Noroeste Peninsular durante a época romana, da que só existen algúns inventarios que recollen datos superficiais e en moitos casos antigos da presenza de factorías de época romana en diversos puntos do litoral.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*