Actualidad, Actualidad Económica, Actualidad Política, Cultura — 19 septiembre, 2017 a las 10:39

A Xunta incrementa a axuda á feira Culturgal en Pontevedra

Por

O goberno da Xunta aumentou o seu apoio económico a Culturgal na súa aposta polo formento das industrias culturais

 Contribúe con 55.000 euros á celebración da décima edición da feira, que terá lugar en Pontevedra do 1 ao 3 de decembro

Pazo da Cultura Pontevedra

A Xunta de Galicia renova a súa colaboración coa Asociación Culturgal para a organización da Feira Galega das Industrias Culturais, que celebrará a súa décima edición do 1 ao 3 de decembro en Pontevedra. Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e Manuel Bragado, presidente da devandita asociación, asinaron hoxe o convenio mediante o que a entidade da Consellería de Cultura e Educación achega 55.000 euros –3.000 euros máis que en 2016– ao desenvolvemento deste encontro de referencia para os axentes do sector cultural galego.

Algunhas das novidades que lles ofrecerá este 10º Culturgal aos profesionais e ao público xeral teñen que ver coa apertura do seu programa a culturas exteriores, con Portugal como primeiro país convidado, e coa incorporación dun espazo propio dedicado á arte contemporánea (con presenza de artistas, galerías, estudantes, docentes e críticos), que se suma ás xa habituais seccións e programacións dedicadas ao libro, ao audiovisual, ás artes escénicas, á música, ao deseño e ás novas tecnoloxías.

Como en anos anteriores, a Agadic é unha das institucións comprometidas co evento, que en cada nova edición conecta os creadores culturais coas arredor de 15.000 persoas que visitan o mercado.

O obxectivo compartido coa Asociación Culturgal, integrada por cinco dos colectivos profesionais máis representativos do sector –Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Dedicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi)–, continúa a ser o fomento da demanda de produtos culturais entre a sociedade galega mediante un programa que conxuga o encontro profesional e as actuacións escénicas e musicais coa presentación, promoción e venda deste tipo de produtos e servizos.

No convenio fíxase, ademais, a presenza institucional da Xunta de Galicia no recinto feiral do Pazo da Cultura pontevedrés, onde se instalará un amplo expositor desde o que se difundirán as accións dos distintos departamentos autonómicos dedicados á promoción da nosa cultura e á dinamización do uso da lingua galega.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.