Actualidad, Agenda Santiago, Cultura, Portada, Teatro — 11 octubre, 2017 a las 15:29

A Xunta apoia o Festival Internacional de Marionetas Galicreques

Por

 Agadic subvenciona este encontro, que ofrecerá do 14 ao 22 de outubro en Santiago máis de 40 funcións de 26 compañías de España, Arxentina, Chile, Francia e Portugal

A programación inclúe as estreas absolutas dos últimos espectáculos da formación madrileña Mazzú Teatro e das galegas Fantoches Baj e Títeres Cachirulo

O Festival Internacional Galicreques presentou o programa da súa 22ª edición, para a que volve contar co apoio económico da Xunta de Galicia a través da convocatoria de subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a festivais de artes escénicas e de música de carácter profesional. Un ano máis, Santiago converterase nunha mostra deste xénero escénico durante a celebración do encontro, que do 14 ao 22 de outubro ofrecerá máis de 40 actuacións de 26 compañías chegadas desde Arxentina, Chile, Francia e Portugal, así como de diferentes localidades galegas e do resto de España.

 O director da Agadic, Jacobo Sutil, asistiu a esta presentación, na que tamén participaron a concelleira de Acción Cultural de Santiago, Branca Novoneyra, e o director de Galicreques, Jorge Rey. Na súa intervención, Sutil definiu o festival como “unha cita esencial no outono cultural de Compostela”, ademais de explicar os obxectivos que a Consellería de Cultura e Educación comparte coa Asociación Cultural Barriga Verde, organizadora do encontro, cara á a difusión deste xénero escénico.

 Creación de públicos

Destacan entre estas prioridades, a de favorecer a consolidación e a xestión profesional de Galicreques como referente entre os festivais galegos, a promoción e dignificación do teatro de monicreques, dirixido tanto a adultos como aos espectadores más novos, e o impulso á creación e fidelización de públicos a través de formatos que, como o teatro de rúa, permiten chegar a un amplo número de espectadores.

O director da Agadic tamén fixo fincapé na importante presenza de compañías galegas nesta programación internacional, “demostrando que Galicia conta cunha oferta moi ampla e de moita calidade”. Así, figuran nesta carteleira Dhantea Teatro, A Xanela do Maxín, Títeres Alakrán, Teatro de Marionetas Trécola, Caramuxo Teatro, Mircromina Teatro de Títeres, Larei lará, Títeres Brincadeira, Carmen Domech, Fantoches Baj e Títeres Cachirulo.

Estas dúas últimas protagonizan, xunto coa formación madrileña Mazzú Teatro, as estreas absolutas de Galicreques. A Fundación SGAE acollerá o domingo 15, ás 12,30 h., a primeira función do espectáculo de Fantoches Baj Os golfiños e o xigante, que en 2016 obtivo o premio da Agadic Barriga Verde para teatro de monicreques na modalidade infantil, mentres que ese mesmo día, ás 18,00 h, terá lugar no Teatro Principal a función de Bala perdida, adaptación escénica do texto de Manuel Rivas a cargo de Títeres Cachirulo. Pola súa banda, Mazzú Teatro chegará a Santiago coa montaxe para público xuvenil Enredos de amor y odio, que representará na Fundación SGAE o sábado 21, ás 18,00 h.

 A incorporación dun maior número de espectáculos dirixidos a mozos e mozas é, precisamente, unha das novidades desta 22ª edición de Galicreques, que este ano tamén aposta pola inclusión de propostas que combinan os monicreques con outros xéneros como o teatro de actor, a danza ou a música.

 Campaña escolar

Así mesmo, a organización do festival explicou que en 2017 mantén o seu compromiso de achegarlles aos novos espectadores o xénero escénico dos bonecos a través dunha ampla programación de 15 representacións para colexios e institutos, ás que asistirán máis de 1200 escolares.

 A carteleira de representacións completarase cunha serie de actividades paralelas, como o obradoiro El trastero de Lula. Constrúe o teu propio monicreque, tres exposicións e outras tantas mesas redondas. Entre estas últimas, unha para dar a coñecer as obras gañadoras dos últimos premios Barriga Verde, convocados pola Agadic co obxectivo de promover a literatura dramática específica para este xénero escénico.

 Este ano, ademais, o festival conta con dúas extensións fóra de Santiago, de xeito que a Sala Gurugú da Coruña e a Sala Ártika de Vigo ofrecerán durante este mes diferentes espectáculos que participan no Galicreques de Compostela.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*