Actualidad Social, Cultura, Música — 15 noviembre, 2016 a las 22:53

A morte de Narf para a Asociación de actrices e actores

Por

A Xunta Directiva da AAAG lembra o músico e o seu traballo no mundo escénico, no que deixou fonda pegada ao poñerlle a música orixinal a un gran número de montaxes teatrais das compañías do país

   A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) quere manifestar o seu pesar polo falecemento do músico Fran Pérez ‘Narf’. Para a Xunta Directiva da AAAG, a marcha de Narf “é unha gran perda para a nosa cultura, para a nosa música e, tamén, para o noso teatro”. Neste sentido, a Xunta Directiva da AAAG subliña “a súa gran implicación coas artes escénicas” e o seu traballo nun gran número de compañías, “que tiveron a sorte de contar coa súa música orixinal nos seus espectáculos”.

Proba do recoñecemento e o agarimo que sentía a profesión escénica por Narf atópase nos catro Premios María Casares á Mellor Música Orixinal que recibiu polos espectáculos Finis Mundi Circus, de Mofa e Befa (xunto a Piti Sanz) (1999); Río Bravo’02 (2003), de Chévere; Sidecar (2004), de Belmondo, e O segredo dos Hoffman (2010), de Lagarta Lagarta. Ademais, estivo nomeado aos Premios María Casares noutras catro ocasións.

A Xunta Directiva da AAAG lembra así “a un gran compañeiro e a un gran artista que deixou fonda pegada en todos e todas nós -tanto artística como afectivamente- a través dos seus discos, das súas composicións, dos seus concertos”. “A súa música acompañaranos sempre, ao igual que a súa lembranza. A súa presenza nos escenarios, tanto de música coma de teatro, resulta inesquecibles”, sinala a Xunta Directiva,

Fran Pérez Narf

Fran Pérez Narf (Silleda, 1968) converteuse ao longo da súa carreira non dos nomes máis destacados do panorama musical galego. Dende moi novo, formou parte dos proxectos máis innovadores da nosa música. Así, participou das bandas Psicofónica de Conxo, Os Quinindiolas ou Nicho Varullo. Ao longo da súa carreira publicou discos en solitario como Narf. Directo en Compostela (2003), Tótem (2007) e Nas tardes escuras (2013).

Como músico inquieto, Narf sempre quixo establecer contacto creativo con outros artistas, outras sensibilidades, outras músicas. Así, publicou discos como Alô irmao! (2010) xunto a Manecas Costa, ou Mundo café (2003) xunto a Javier Muguruza e Miquel Gil. O ano pasado, en 2015, publicou xunto a Uxía Baladas da Galiza imaxinaria. En outubro deste mesmo ano, durante o Womex que tivo lugar en Santiago, presentou o seu proxecto conxunto cos mozambicanos Timbila Muzimba nun concerto no Teatro Principal.

No mundo escénico, Narf foi un dos fundadores da Sala Nasa e compuxo a música orixinal de moitas obras de teatro. Traballou así, ademais de con Chévere, con compañías como Lagarta Lagarta, Teatro do Atlántico, Ollomoltranvía ou o Centro Dramático Galego. Ao longo da súa carreira, acadou oito nomeacións á mellor música orixinal nos Premios María Casares, dos cales recibiu catro.

 

Gabinete prensa AAAG

Alberto Ramos

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.