Cultura, Cultural, Opinión, Portada, Teatro — 27 octubre, 2017 a las 1:27

A obra de teatro Elisa e Marcela cautivou ao público Compostelán

Por

Elisa e Marcela é un canto á liberdade, é unha historia de amor prohibido entre dúas mulleres alá polo 1901. Imaxinan por un momento como sería esta aventura? Mulleres nun mundo de homes, mulleres que se enfrentaron á mentalidade do seu tempo para vivir ou malvivir o seu amor con valentía. Velaí onde o enfoque cobra interese, a obra de teatro esta presentada baixo a premisa dos supostos, inmersa na parodia, rexeitando os condicionamentos sociais e o dramatismo realista. Elabórase un híbrido de xéneros que dá un bo resultado ao espectador. O texto discorre intelixente con ritmo áxil, à busca do efecto visual sinxelo que artella as ferramentas ao fío definitivo; a complicidade e a xenerosidade das intérpretes enriba das táboas.

As tres actrices Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman dan vida a un escenario só coa súa presenza, ao máis puro arte do teatro, sen apenas atrezzo crean no imaxinario decorados onde hai un bulir de aconteceres no que o público está involucrado e participa da trama. As artistas dan vida a multitude de personaxes coa comicidade e naturalidade da gañada complicidade dos espectadores á hora de mudar os rexistros. As tres actrices nun xogo permanente non abandonan o escenario durante a función, non hai interrupción nun suceder de ritmo trepidante pero gustoso.

Importa como foi abordado o texto polo equipo de A Panadaría baixo a dirección de Gena Baamonde e a intervención das actrices: Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman e na que tamén participou Esther F. Carrodeguas. O estreno desta peza constitue o terceiro traballo para a Compañía A Panadaría, e está sendo recibida polo espectador como un agasallo ben merecedor de loanza. Non é un documental, nin unha obra ao uso tradicional. É un xogo de desdramatización, de recurrir a outras experiencias da ficción provocando a risa, invita a certos rasgos autóctonos que someten á vontade, aínda que este puidese elevarse a unha eiva non tanto de fronteiras senon de conciencias.

Unha oportunidade para mirar un espectáculo  que estará ata o domingo no Salón Teatro de Santiago de Compostela.  Elisa e Marcela ten os ingredientes pertinentes para rematar feliz unha boa xornada nunha butaca do teatro coa premisa do talento, traballo, inxenio, e todo regado con risas, sen esquecer que a maior traxedia é a intransixencia social.

Artigos relacionados; preme aquí

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*