
Neste ponte festivo temos a oportunidade de visitar Santiago de Compostela cos ollos de Rosalía baixo a interpretación de Inés Calvo
Unha visita gratuita e ilustrativa do 1 ao 4 de novembro
Desde o día 1 de novembro, e consecutivamente ata o día 4, haberá paseos rosalianos con saídas ás 12 da mañá, que partirán do Hostal dos Reis Católicos, lugar onde foi bautizada a nosa insigne escritora. A visita é gratuíta e non necesita inscrición previa. Terán unha hora e media de duración, cun paseo por diferentes puntos de Santiago, que rematará no Panteón de Galegos Ilustres, onde repousan os restos de Rosalía de Castro grazas a colaboración do Arcebispado de Santiago e do Museo do Pobo Galego.
O itinerario terá os seguintes puntos destacados:
O primeiro punto é o Hostal dos Reis Católicos; Rosalía de Castro naceu no Camiño Vello, onde entón eran as aforas de Santiago. Foi bautizada na capela de Hospital Real, onde recibían o sacramento os meniños expósitos da inclusa (nenos abandonados por seus pais ao nacer nun lugar de beneficiencia). O grupo poderá acceder ao interior do Hostal, que colabora na organización da ruta.
O segundo punto será o 41 da rúa do Vilar, onde se ubicaba a casa da nai de Rosalía. A continuación camiñarase cara a praza do Toural, onde Rosalía viviu os seus primeiros anos en Santiago, cando chegou de Padrón, coa súa nai e a súa madriña.
Pasear ata Santa María Salomé, lugar onde Rosalía bautizou a Alejandra, a súa primeira filla. A seguinte parada será no número 1 da rúa da Conga, onde había unha fonda na que viviron Rosalía e Manuel Murguía no 1859, cando regresaron de Madrid xa casados.
A seguinte parada será na praza de Santo Agostiño, onde estaba o Liceo de la Juventud en 1850, ano no que Rosalía chegou a Santiago coa súa nai dende Padrón. Aquí xuntábase a mocidade daquela Galicia e facíanse tertulias literarias. Tamén neste memo lugar Rosalía coñeceu aos irmáns Pondal, e a Manuel Murguía, o seu futuro marido.
Finalmente, a visita rematará fronte ao Panteón de Galegos Ilustres de Bonaval, onde repousan os restos de Rosalía, logo de que foran trasladados dende Padrón en 1891.
Dejar una contestacion