Cine, Cultura, Portada, Televisión — 5 febrero, 2018 a las 19:36

A gala dos Premios Mestre Mateo 2018 na procura dos mellores traballos do audiovisual

Por

 

Actualización: 20 de febreiro de 2018

A Academia Galega do Audiovisual (AGA) decidiu homenaxear co Premio de Honra “Fernando Rey” de 2018 á actriz galega María Bouzas. Co galardón, a AGA quere “recoñecer de parte do sector a traxectoria dunha compañeira que é referencia ineludible para a televisión, o teatro e o cinema en Galicia”. O Premio súmase a dous María Casares, cinco Mestre Mateo e un Premio da Cultura Galega, que subliñan a relevancia da carreira da homenaxeada.

Pese a ser natural de Mugardos, María Bouzas criouse, como tantas galegas e galegos, en Suiza. Logo de estudar Maxisterio e Arte Dramático, o seu primeiro traballo artístico foi en 1987 da man de Mario Gas, que dirixiu O mozo que chegou de lonxe para o Centro Dramático Galego. Dende aquel entón non deixou de pisar os escenarios, dirixida por figuras da importancia de Roberto Vidal Bolaño ou Manolo Lourenzo, e chegando a fundar con María Pujalte a súa propia compañía, retranqueiramente chamada “Compañía de Marías”.

Alén do seu éxito no teatro, foi na pequena pantalla onde a actriz mugardesa interpretou os seus papeis máis populares, como a Charo de Pratos combinados, a Carmela de Terra de Miranda ou a malvada Dona Francisca de El secreto de Puente Viejo, papel que encarna dende 2011 na lonxeva telenovela. Asimesmo, no cinema amosou a súa versatilidade traballando en multitude de roles ás ordes de cineastas como Patricia Ferreira, Gerardo Herrero ou Luís Avilés.

María Bouzas, que foi presidenta da AGA entre 2006 e 2009, recibirá o Premio Fernando Rey durante a Gala dos Mestre Mateo, que terá lugar no Pazo da Ópera da Coruña o sábado 3 de marzo.

 

Actualización: 7 de febreiro de 2018

A longametraxe Dhogs acapara 17 candidaturas nos Mestre Mateo

Tamén suman numerosas candidaturas os filmes A estación violenta, Juana de Vega, vizcondesa do arado, Os fillos do sol e Trinta lumes e máis as series O final do camiño e Serramoura

A primeira rolda de votacións das e dos académicos galegos sitúa o filme Dhogs como a produción máis votada entre as 158 que se presentaron aos XVI Premios Mestre Mateo, acaparando 17 candidaturas en 14 categorías. Entre elas, mellor longametraxe e mellor guión, dirección e montaxe para Andrés Goteira, que comparte a última con Juan Galiñanes. Tamén compiten Iván Marcos e Melania Cruz pola mellor interpretación protagonista e María Costas, Antonio Durán “Morris”, Carlos Blanco e Miguel de Lira polas de reparto. A unha certa distancia sitúanse A estación violenta, con 8 candidaturas; O final do camiño e Os fillos do sol, con 7 cada unha; Serramoura, con 6; e Juana de Vega, vizcondesa do arado e máis Trinta lumes, con 5 cada unha.

A Academia Galega do Audiovisual anunciou esta mañá, nun acto conducido por María Mera e Monti Castiñeiras na sede compostelana da SGAE, os nomes dos proxectos e profesionais finalistas en cada unha das 25 categorías da XVI edición dos Premios Mestre Mateo, que se entregarán o sábado 3 de marzo no Pazo da Ópera da Coruña, nunha gala conducida, por segundo ano consecutivo, pola actriz Iolanda Muíños.

ADN galego, A Revista Fin de Semana, Land Rober Tunai Show e Que casas! compiten polo premio ao mellor programa de TV, mentres que María Solar, Nieves Rodríguez, Roberto Vilar e Rodrigo Vázquez fan o propio polo de mellor comunicador/a. Era visto! e Vidago Palace disputarán o de mellor serie coas xa mencionadas O final do camiño e Serramoura. E, entre os 20 documentais presentados, as e os académicos elixiron como finalistas A batalla descoñecida, Castelao. De chumbo a verba, O tempo futuro e Vigo 1972.

A muller invisible, Escarabana, La Madrina e Matria son as finalistas na categoría de mellor curtametraxe; Galesauros, The neverending wall, Paquita e Sinceramente, yo ya no razono na de mellor curtametraxe de animación; Conserveiras do noso, Imposible sen ti 2017, Machismo on the road de Galuresa e Vegalsa Navidad na de mellor anuncio; e Como Gala y Dalí (Jorge Casal), Días y días (Delafé), Salto al vacío (Nortones), Todos los gallegos (Fernando Tato y Los Animales) e Troubled times (Green Day) na de mellor videoclip.

Compiten coa mencionada Melania Cruz polo premio á mellor interpretación feminina protagonista en Dhogs, Nerea Barros (A estación violenta), Sabela Arán (Viradeira) e Sonia Castelo (Juana de Vega, vizcondesa do arado). Pola súa banda, o seu compañeiro de reparto Iván Marcos enfróntase a Alberto Rolán (A estación violenta), Federico Pérez (Era visto!) e Javier Rey (O final do camiño)

Optan ao premio á mellor interpretación feminina de reparto Bárbara Grandío (A historia dun satélite), Luisa Merelas (Juana de Vega, vizcondesa do arado), Susana Sampedro (Serramoura) e a mencionada María Costas (Dhogs), mentres que o único finalista na categoría de mellor interpretación masculina de reparto que non pertence ao equipo de Dhogs -comoé o caso de Antonio Durán “Morris”, Carlos Blanco e Miguel de Lira- é Monti Castiñeiras (Serramoura).

Con nome propio

Ademais do mencionado Andrés Goteira, destacan nesta edición dos grandes premios do audiovisual galego dous nomes femininos: Diana Toucedo e Anxos Fazáns. A primeira é finalista nas categorías de mellor longa, guión e montaxe por Trinta lumes e, nesta última, tamén por A estación violenta. Precisamente, comparte esta última candidatura con Iria Silvosa e con Anxos Fazáns, que tamén compite polos premios á mellor dirección e ao mellor guión, nun equipo composto tamén por Ángel Santos, Xacobe Casas e Daniel Froiz.

Decididos os 4 finalistas para os Premios do Audiovisual Galego polo xurado da Academia Galega do Audiovisual

Iolanda Muíños presentará novamente a Gala 2018 o día 3 de marzo no Pazo da Ópera da Coruña

O vindeiro mércores 7 a Academia Galega do Audiovisual anunciará, nun acto conducido polos coñecidos actores María Mera e Monti Castiñeiras, os nomes dos proxectos e profesionais finalistas da XVI edición dos Premios Mestre Mateo.

O xurado desta entidade vén de elexir os 4 finalistas de cada unha das vinte e cinco categorías, entre as 328 candidaturas presentadas. Será o  mércores cando se faga público os nomes dos seleccionados. Punto do que se arrinca para perseguir  estes  galardóns que se entregarán o sábado 3 de marzo no Pazo da Ópera da Coruña, nunha gala que conducirá, por segundo ano consecutivo, a actriz Iolanda Muíños.

Listado de candidaturas aos Maestro Mateo

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*