A Esmorga será película

PELICULA " A ESMORGA " RODAJE EN OURENSE MORRIS KARRA ELEJALDE MIGUEL DE LIRA
Os actores que darán vida a Bocas, Castizo e Milhomes. Fonte: Xurxo Lobato

Moitas cidades quedan marcadas pola visión de delas se da nos produtos culturais que case sempre tenden a mitificar un lugar en concreto. No caso d’ A Esmorga, libro escrito alá polo 1959, por Eduardo Blanco Amor, sobra dicir que tamén aconteceu algo similar. Auria converteuse no trasfondo da cidade de Ourense, coas súas rúas e prazas, e fixo da cidade das Burgas algo semellante ao que García Márquez fixo co seu Macondo (fantápole de Aracataca, o seu pobo natal) ou cando Leopoldo Alas ‘Clarín’ representou Oviedo na cidade de Vetusta no seu libro más afamado, La Regenta.
A literatura crea uns mitos, e a cidade ourensá comezou a ser vista por moitos como as ruelas polas que pasaban o Bocas, o Castizo e o Milhomes durante unha noite de borracheira e esmorga pola cidade nocturna, na que os tres protagonistas transgreden as normas para vivir uns acontecementos que se complican como unha bóla de neve.
O proxecto de facer da obra mestra de Blanco amor unha película estivo no tinteiro moitas veces, pero foi no 2010 cando o director Ignacio Vilar e o editor e escritor Víctor Freixanes (que ten os dereitos de autor da novela) se animaron a unir forzas para crear o verdadeiro filme da tan exitosa novela. Hai que recordar que xa houbera unha primeira adaptación, da man do asturiano Gonzalo Suárez, quen no 1977 se animou a dirixila baixo o título de Parranda.
O Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF), abrirá a súa 19 edición, que se desenvolverá do 15 ao 23 de novembro, coa estrea mundial da película galega A Esmorga, do realizador ourensán Ignacio Vilar, que ten entre os seus éxitos Pradolongo ou Vilamor, dúas películas que conforman o imaxinario galego ademais do tratamento de problemáticas da nosa contorna.
Vía Láctea Filmes e a Editorial Galaxia, produtoras da película, tardaron seis anos en sacar adiante este proxecto. Finalmente, coa axuda do Concello de Ourense, a Deputación Provincial de Ourense, a Xunta de Galicia (Consellería de Cultura e Educación, a través da Agadic), TVG e TVE, en febreiro deste ano comezaba a rodaxe do filme, que trala súa estrea mundial no OUFF o 15 de novembro chegará as pantallas comerciais unha semana despois.
A cinta, protagonizada polo actor vasco Karra Elejalde e os galegos Miguel de Lira e Antonio Durán «Morris» está rodada integramente na provincia de Ourense e de xeito especial na capital, en escenarios emblemáticos da novela como a estación ou o Casco Vello, a Praza do Ferro, a Praza Maior e a capela do Santo Cristo, onde se puido rodar cun permiso especial. Tamén se rodaron esceas na taberna A Papuxa de Ribadavia.
A Esmorga destaca por ser a primeira novela galega que trata a problemática da homosexualidade, a través da figura do Milhomes (do que se ten afirmado ser o alter ego do propio autor). Ademais, foi traducida a varios idiomas, como o inglés baixo o título de On a bender e incluso se creou unha ruta turística que o Concello de Ourense aproveitou para destacar as rúas polas que transitaron os tres esmorgantes. De feito, Antón Durán Morris, quen se mete na pel do Milhomes, recoñece que “é a película más dura das que fixen porque toca sentimentos humanos moi fortes”.  Haberá que agardar ata novembro para ver o resultado.

Sobre Tensy Gesteira 23 artículos
Periodista

Sé el primero en comentar

Dejar una contestacion

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.


*


Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.