Actualidad Social, Cultura, Portada — 15 mayo, 2018 a las 9:55

A Biblioteca Galega “Daniel Castelao” abrirá en Lisboa impulsada pola Associaçom José Afonso e o Concello de Rianxo

Por

O presidente da Associaçom José Afonso – Galiza, Xulio Villaverde, e alcalde do Concello de Rianxo, Adolfo Muíños, presentaron a Biblioteca Galega “Daniel Castelao” que abrirá en Lisboa con motivo do Día das Letras Galegas. Trátase dunha iniciativa que conta coa colaboración de 15 institucións e entidades diversas para achegar a literatura galega clásica e contemporánea a Portugal e servir de intercambio cultural.

“O acto de inauguración da biblioteca será o vindeiro sábado 19 de maio na sede da AJA – Lisboa”, explicou Xulio Villaverde, presidente da AJA-Galiza. “Dicía Castelao que a nosa lingua florece en Portugal e José Afonso dixo que a Galiza non fica no Minho; con estas dúas marxes do río facemos unha ponte cultural para estender a nosa cultura”, destacou.

O alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, sinalou que “a este pequeno proxecto lle temos un enorme cariño dende o Concello de Rianxo”, vila natal de Castelao, “de aí que buscaramos colaborar dende o primeiro momento”. A presenza de José Afonso en Galiza é unha constante como a relación da figura de Castelao e das Irmandadades da Fala con Portugal, “que sempre buscaban a referencia na identidade cultural máis alá do Miño, entendendo que non separaba senón que unía”.

“Relacionamos Castelao, José Afonso, Rianxo e Lisboa e decidimos abrir esta biblioteca que inicialmente ía ter unha escolma de 100 volumes que reflexaran esa presenza galega da nosa literatura mais, a través dos contactos da AJA-Galiza e o propio Concello de Rianxo, imos achegármonos a perto de 500 volumes que van constituír ese núcleo inicial da biblioteca “que vai supor un espazo vivo na capital de Portugal para ter presenza do noso concello e do noso país”.

O acto de inaguración contará con representantes da AJA, da Cámara Municipal de Lisboa, da Xunta de Freguesia e do Concello de Rianxo, ademais de música portuguesa e galega, na voz de Barahúnda, “un grupo asentado en Rianxo que incorpora no seu repertorio temas galegos e de José Afonso buscando ese relacionamento entre ambas as culturas”.

“Estaremos en Lisboa para presentar esta biblioteca na busca de que este pequeno facho de presenza de Galiza, de Rianxo e de Castelao se expanda tamén polos outros núcleos da AJA en Portugal, pretendendo ser unha pequena embaixada da nosa cultura, das letras e da música que conta co patrocinio do Concello de Rianxo”, explicou Adolfo Muíños.

As institución e entidades que colaboran coa Biblioteca Galega “Daniel Castelao” en Lisboa son Concello de Santiago de Compostela, Deputación da Coruña, Fundación Castelao, Afundación, Fundación Moncho Reboiras, Fundación Galiza Sempre, Fundación Granell, AGAL, Associación Galega de Historiadores, Academia Galega da Língua Portuguesa, Asociación veciñal Francisco Asorey, Gentalha do Pichel, Edicións Positivas, Edicións Sotelo Blanco e Consello da Cultura Galega.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.