Actualidad Política, Actualidad Social, Portada — 27 febrero, 2018 a las 21:08

Á Beira do Sarela

Por

A celebración do Banquete de Conxo terá lugar en abril

A festa do Banquete celebrarase a fin de semana do 21 e 22 de abril na mítica carballeira de Conxo, ás beiras do Sar, nun espazo que se está a recuperar e que a previsión indica segundo o concello  que poderá ser usado pola cidadanía a partir do 16 de marzo, unha vez finalice o obradoiro de emprego Ecotur III que se encarga da súa rehabilitación.

Durante toda esa fin de semana haberá un Mercado do Libro e da Artesanía. Inclúe presentacións de libros, mostras do proceso de traballo artesanal e actividades lúdicas para as crianzas. A programación do sábado centrarase no aspecto máis reivindicativo, mentres que a do domingo xirará en torno á recreación histórica e a propia festa do banquete.

A celebración dará comezo o sábado 21 de abril, a partir das 12 da mañá, cunha visita guiada ao Banquete de Conxo da man do xornalista Henrique Alvarellos. Posteriormente haberá unha mesa redonda sobre a importancia do Banquete e os desafíos que ten por diante o barrio de Conxo

Xa ás 18:30 horas darán comezo as actividades infantís cunha representación de monicreques, unha chocolatada e unha dinámica infantil titulada O Conxo que queremos, na que os nenos e as nenas expresarán as súas ilusións e soños para o barrio. Tamén ás 18:30 h actuará a coral do Hospital Psiquiátrico de Conxo acompañada da Coral Solfa, rematando con Conxo, festa da poesía, un evento lúdico que incluirá rap, poesía, regueifa e música.

O domingo retómase a festa ás 11:30 horas cun desfile teatralizado de estudantes e artesáns dende o casco histórico ata o campo de Conxo, onde haberá un concerto da Banda Municipal interpretando pezas de mediados do século XIX. A continuación, a estrea dunha obra teatral na que se escenifica o Banquete de Conxo orixinal e un xantar popular con brindes da veciñanza e poetas. A sobremesa estará amenizada polo Serán da fraternidade, unha foliada de música tradicional. O domingo haberá unha nova oportunidade de coñecer a zona cunha nova visita guiada con Henrique Alvarellos, a partir das 18:30 h.

O Castiñeiriño conta con unha escola infantil para o curso 2018 /2019

A nova Escola Infantil do Castiñeiro preparada para acoller aos meniños no vindeiro curso. A instalación esta edificada sobre terreos cedidos polo Concello e financiada pola Fundación Amancio Ortega. O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar xestionará o servizo.

A Escola Infantil do Castiñeiriño contará con máis de 80 prazas para nenos e nenas de 0 a 3 anos. O alumnado estará repartido en seis unidades, dúas por cada franxa de idade, distribuídas nunha única planta. O edificio, deseñado polos arquitectos Rafael Pier e Cristina Vilariño, conta ademais con zona de usos múltiples e comedor, área de servizos, lavandería e vestiarios, e cun amplo patio cunha parte cuberta para que os nenos e nenas poidan gozar del durante todo o ano. A escola infantil custou 1,4 millóns de euros, achegados pola Fundación Amancio Ortega, e agora pasará a formar parte da rede de escolas infantís A Galiña Azul que xestiona a Xunta a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Escola Infantil de Santa Marta
O alcalde aproveitou a visita á nova Escola Infantil do Castiñeiriño para lembrar que o Goberno ten orzada outro centro para nenos de 0 a 3 anos en Santa Marta. Martiño Noriega explicou que “estamos na fase de contratación do proxecto do centro, que se podería construír ao longo do ano que vén”. A intención é que a Escola Infantil de Santa Marta sexa xestionada directamente polo Concello, ao igual que as de Conxo, Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños.

O Teatro como ferramenta pedagóxica  que favorece a inclusión e tolerancia

Roteiro e obra de teatro coral neste  I Festival Galego de Teatro Escolar en Santiago que se celebrará o 4 de marzo.

Ás 16.00 horas está previsto un roteiro teatralizado e musical polo parque de Bonaval, no que colaborará a asociación Cantigas e Agarimos, así como toda a comunidade educativa do IES Antonio Fraguas: nais e pais, profesorado e alumnado. O profesor Alfonso García explicou que o roteiro “estará vertebrado en torno ao relato de Castelao Un ollo de vidro, e á obra de Rosalía de Castro”.

Xa ás sete da tarde, no Teatro Principal representarase a obra coral Un planeta literario máxico, na que colaborarán a Aula de Teatro do IES Antonio Fraguas, o Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei, a Escola Municipal de Teatro de Laxe, a Aula de Teatro do CPI de Touro e a Aula de Teatro do IES Antón Losada Diéguez da Estrada. Segundo relatou Alfonso García, “serán máis de 200 actores e actrices as que suban ao escenario, dende alumnado de Primaria ata profesorado xa xubilado”. A obra que representarán “reivindicará valores como a tolerancia, o respecto e o diálogo”.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*