Actualidad Social, Agenda — 25 octubre, 2019 a las 11:20

Celebración do Día do Dano Cerebral Adquirido

Por

O sábado 26 de outubro conmemórase o Día Nacional do Dano Cerebral Adquirido, unha efeméride fixada polo Consello de Ministros en 2007 cos obxectivos de visibilizar esta discapacidade e de dar a coñecer as necesidades do colectivoO dano cerebral adquirido é unha lesión que se produce nas estruturas cerebrais de forma súbita en persoas que naceron sen dano ningún no cerebro. Polo tanto, a súa principal peculiaridade é o feito de ser, como di o nome, “adquirido”, presentándose repentinamente na vida dunha persoa e rompendo o seu proxecto de vida e o da súa contorna social. Esta lesión pode estar causada por unha enfermidade (ictus, no 78% dos casos, pero tamén tumor cerebral, anoxia, doenza metabólica…) ou por un traumatismo cranioencefálico (motivado por un accidente de coche, laboral, un golpe, unha caída…).

Calcúlase que hai 35.756 persoas con dano cerebral adquirido en Galicia, e que se producen uns 7.000 novos casos cada ano. Unha das reivindicacións das asociacións de dano cerebral é, precisamente, contar cun censo de persoas con esta discapacidade: termos cifras máis fiables coas que sermos quen de calcular cales son en realidade as necesidades de atención das persoas e das familias con esta discapacidade.

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) está constituída polas cinco asociacións de referencia en Galicia: ADACECO na Coruña, ADACE Lugo, Alento en Vigo, Renacer en Ourense e Sarela en Santiago. En total representa a máis de 1.700 familias de persoas con dano cerebral. As asociacións federadas, que prestan servizos de información, apoio, rehabilitación e inclusión, atenden actualmente a unhas 400 persoas.

Lectura do manifesto e conmemoracións o venres e o sábado

Algunhas das asociacións de FEGADACE adiantan ou complementan a conmemoración do Día do Dano Cerebral hoxe 25 outubro:

  • ADACECO (Asociación de Dano Cerebral da Coruña) ten previsto realizar unha lectura do manifesto na compaña da alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e outras institucións, ás 12:00 na Praza de María Pita.
  • ADACE Lugo colocará durante toda a mañá mesas informativas no Hospital Lucus Augusti (Lugo), Hospital da Costa (Burela) e Hospital Comarcal de Monforte.
    Alento dirixe a escolares a actividade ‘Alento na rúa’, que terá lugar durante toda a mañá na Praza do Rei, en Vigo. Ademais, continúa a súa mostra bibliográfica nas bibliotecas Juan Companiel e Neira Vilas.
  • Renacer, a asociación ourensá, levará unha mesa informativa ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense de 10:00 a 14:00.
  • FEGADACE organiza na biblioteca pública Ánxel Casal de Santiago a exposición fotográfica ‘Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido’ e unha mostra de libros sobre o dano cerebral. Pódense visitar ata o 8 de novembro.

As convocatorias para o sábado, día 26 de outubro, son as seguintes:

ADACE Lugo vai colocar unha mesa informativa cun photocall na Praza Maior de Lugo durante toda a mañá. Ás 12:00 lerán o manifesto do Día do Dano Cerebral, para a continuación desenvolver a actividades de paracaídas ‘Lánzate con nós!’.

*Renacer terá de 10:00 a 19:00 unha carpa informativa na rúa do Paseo de Ourense.
*Sarela organiza unha andaina que sae da Alameda de Compostela ás 11:30 e diríxese á Praza do Obradoiro para a lectura do manifesto ás 12:00. Ademais, pola noite alumearán o Prazo de Raxoi e as Torres Hejduk da Cidade da Cultura.

Unha xornada de reivindicación e visibilización

Mañá farase público o manifesto do movemento asociativo articulado en torno a FEDACE, a federación estatal de dano cerebral. O documento recolle as reivindicacións das persoas e familias que representamos, e que se resumen en catro:

1. Que se desenvolva e impulse unha Estratexia Nacional de Atención ao Dano Cerebral Adquirido que garanta a coordinación entre o ámbito sanitario e o social.
2. Que se cree a categoría diagnóstica ‘Dano Cerebral Adquirido’ á alta do hospital, co obxectivo, tamén, de garantir a continuidade asistencial.
3. Que se elabore un censo de persoas con DCA para así analizar as súas necesidades de atención.
4. Que se inclúa á familia como parte beneficiaria do proceso de atención, e non só como parte colaboradora.

Amplo programa tamén polo Día do Ictus

As conmemoracións continúan máis alá do 26 de outubro, pois o día 29 conmemórase o Día Mundial do Ictus. ADACECO, ADACE Lugo, Alento, Renacer e Sarela, así como FEGADACE, programan aínda moitas actividades:

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.