Actualidad, Actualidad Social, Portada — 16 enero, 2018 a las 21:47

A evolución do clima peninsular nos últimos 700 anos

Por

A ‘pequena idade de xeo’, o período frío máis importante do hemisferio norte dende finais do século XIV ata o XIX, alongouse na península ibérica de 1300 a 1850 segundo revela un novo traballo publicado na revista científica Earth Science Reviews no que que participan Antonio Martínez Cortizas e Olalla López Costas do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola. Os resultados, que permitiron reconstruír o clima da península ibérica dende o ano 1300 ata a actualidade, poñen de manifesto a acentuada variabilidade climática durante ese período e evidencian a alternancia de fases frías e cálidas.

A investigación presenta a síntese máis precisa realizada ata agora da evolución do clima peninsular durante os últimos setecentos anos para contextualizar ese período frío e a súa evolución posterior e baséase na análise de diversas fontes históricas e rexistros naturais (comportamento dos glaciares, sedimentos dos lagos, aneis das árbores, turbeiras ou esqueletos humanos de contextos arqueolóxicos, entre outros).

Baixo a coordinación do investigador da Universidade de Barcelona Mar Oliva, no estudo tamén participou persoal experto do Servizo Meteorolóxico de Cataluña, do Instituto de Ciencias da Terra Jaume Almera (ICTJA-CSIC), do Instituto Pirenaico de Ecoloxía ( IPE-CSIC), do Museo Nacional de Ciencias Naturais e das universidade de Santiago, Oviedo, Granada, Valladolid, Zaragoza e Lisboa, así como do Instituto de Historia do CSIC.

Período frío máis prolongado dos últimos 10.000 anos

Definido polos investigadores como o período frío máis prolongado e intenso dos últimos 10.000 anos, os resultados do estudo permitiron describir a evolución climática peninsular do período coñecido como a ‘pequena idade de xeo’. O equipo investigador centrouse no estudo das zonas de montaña, as áreas menos afectadas pola actividade humana e recompilaron e integraron todas as evidencias que existían sobre o clima dos últimos setecentos anos na península ibérica.

Aínda que a intensidade do frío e as súas implicacións eran coñecidas noutras rexións do continente europeo, non se coñecía a súa translación ao conxunto da península ibérica nin como afectaran aos ecosistemas naturais. “Unha das principais novidades do estudo é demostrar a elevada variabilidade do clima durante esta fase fría cunha maior recurrencia de eventos climáticos extremos (ondas de frío, nevadas, secas, inundacións, etc.)”, explica o investigador principal do traballo Marc Oliva. Como engade, “sabíase que era un período máis frío que o actual, pero non sabiamos que tivera tanta variabilidade nin con tantos episodios extremos que tiñan repercusións decisivas na vida diaria das sociedades da época”.

Episodios de inundacións extremas como os rexistrados no levante peninsular en novembro de 1617 ou na fachada atlántica en xaneiro de 1626, implicaron a perda de colleitas, a destrución de camiños e pontes, así como graves danos á economía. As recorrentes ondas de frío comportaban un aumento da mortalidade e mesmo determinaron cambios na dieta diaria das sociedades do noroeste peninsular. Ademais, as baixas temperaturas a miúdo ían acompañadas de nevadas que desencadeaban aludes catastróficos, como sucedeu na gran nevada de 1888 en Asturias.

Este impacto pódese apreciar especialmente a través da gran cantidade de fondos documentais de onde se extraeu a información climática, por exemplo documentación administrativa municipal, dietarios, crónicas, libros de memorias, expedientes de obras públicas, planos e mapas ou informes de danos por risco climático.

Aumento térmico de 1 °C por causas naturais

O estudo tamén permitiu cuantificar o quecemento climático e avaliar a súa magnitude durante os últimos setecentos anos. Segundo os investigadores, o aumento de temperatura experimentado dende o inicio da Revolución Industrial é de aproximadamente 1 ° C, o mesmo aumento que se produciu por causas naturais dende a fase máis fría da pequena idade de xeo (1675) ata os seus episodios finais, que coinciden co inicio da actividade industrial humana.

Estes resultados, segundo os autores, convidan a ser coidadosos á hora de relacionar de forma reducionista calquera fenómeno vinculado á variabilidade climática co concepto de cambio climático. “O clima responde a moitas variables cuxo comportamento non se coñece ben e o grao de incerteza científica desprézase”, remarca Marc Oliva. “Só entendendo mellor cal é a resposta dos ecosistemas no pasado podemos anticipar que pode pasar no futuro”, remata o investigador da Universidade de Barcelona.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.